Hai un ano, en xaneiro, démoslle ao botón que abría ao público un proxecto no que levabamos traballando un par de meses na sombra: As Nosas. Un soño feito realidade para xente coma min que levaba anos buscando visibilizar o papel da muller no deporte en Galicia.
Xustamente esa é a seña de identidade deste medio que agora cumpre un ano de vida. Un ano convulso, moi diferente ao que pensabamos ter cando prememos aquel botón e As Nosas deixou de estar “en construción”, para ser o que agora vedes: un espazo para información.
En xaneiro de 2020 na redacción de As Nosas contabamos os días para narrar a participación das deportistas galegas nos Xogos Olímpicos de Tokio. Naciamos nun ano olímpico. Que mellor soño para un xornal deportivo!
Antes de que todo mudase deunos tempo de contar que o fútbol feminino tiña por fin o seu convenio colectivo, que as mulleres do balompé daban pasos na conquistas dos seus dereitos. Falamos de balonmán, de baloncesto, de rugby, de voleibol, de atletismo, de ximnasia, de patinaxe artística, de fútbol, de karate, de hoquei, de ciclismo, de judo, de roller derby, de taekwondo, de natación, loita, vela, fútbol gaélico, waterpolo, surf… Por falar, falamos ate de cachibol!
Informamos de competicións en diferentes puntos de Galicia (Poio, Burela, Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Vilagarcía, Friol, Ferrol…) e de galegas que competían en USA, Alemania…
Nas reportaxes tiveron protagonismo as deportistas que competían, pero tamén outras mulleres con outros roles: árbitras, seareiras, directivas, adestradoras ou mulleres que facían deporte sen necesidade de que un resultado fose a súa motivación.
Elaboramos informacións especiais co gallo do 8M, abordamos cuestións como a maternidade no deporte, etc.
Se botamos a vista atrás, neste ano antes e despois de que todo mudara, en As Nosas fixemos exactamente o que dixemos que viñamos a facer: visibilizar, informar, empoderar e amosar ao mundo o papel da muller no deporte en Galicia.
E si, queriamos cubrir Tokio 2020, pero a vida e a información non son tan previsibles como cremos e a gran historia do ano que pensabamos relatar, a duns Xogos Olímpicos, resultou que era outra. Porque a historia non estaba tan escrita como parecía en xaneiro. De feito, a película da vida deu un xiro de guión impensable.
Os XX.OO. de Tokio pasaron ao 2021
A COVID-19 parouno todo, tamén o deporte. Dixemos ata pronto aos Xogos Olímpicos. Cubrimos con tristeza partidos coas bancadas baleiras e pensamos que o deporte, sen seareiras, perdía parte da súa esencia, pero seguimos.
Unha vez que se desatou a pandemia, iso sobre o que as e os xornalistas deportivos temiamos informar, chegou. Un día tras outro dabamos conta da suspensión ou cancelación dunha competición. Unha tras outra botaron o peche. E chegou o que marcou as nosas vidas, dentro e fóra do deporte, desde entón: a incertidume. Non saber que pasará.
Un día tras outro dabamos conta da suspensión ou cancelación dunha competición. E chegou o que marcou as nosas vidas, dentro e fóra do deporte, desde entón: a incertidume.
Que pasa cos ascensos e descensos? Que acontece cos contratos das deportistas? Haberá devolución da parte proporcional dos abonos para as persoas socias? Acollémonos a un ERTE? Moitas incógnitas, moitas posibilidades e ningunha había contentar a todas as partes.
Eses momentos marcados pola incertidume volveron levarnos a plantexarons preguntas. Mentres que para algunhas competicións se buscaban solucións para seguir, para outras (as de deportes máis modestos que moven menos cartos e, sobre todo, as competicións femininas) parar era a primeira saída que se tiña en conta. Non foron poucas as voces no deporte que empezaron a dubidar se sería unha cuestión de saúde ou unha cuestión económica. Se a motivación foi a segunda, elas, as deportistas, unha vez máis quedaban relegadas a un segundo plano na historia.
Na meirande parte dos casos elimináronse os descensos e xogouse só polos títulos ou polo ascenso. O resultado é que neste novo curso, hai categorías infinitas que se dirimirán en varias fases competitivas, sempre que a COVID-19 non siga nesta línea crecente de contaxios.
Os equipos puxeron en práctica rutinas de grupo para manter forte a cohesión. E as psicólogas e as preparadoras físicas, foron máis visibles que nunca.
Quedamos na casa
Voltemos ao parón de 2020. Xa nas nosas casas, confinadas, contamos como as deportistas galegas quedaban na casa e seguían facendo do deporte o motor da súa vida, aínda que fose desde o salón ou nas súas habitacións. Comprobamos como os equipos puñan en práctica rutinas de grupo para manter forte a cohesión. E as psicólogas e as preparadoras físicas foron máis visibles que nunca.
Cando a xente de As Nosas quedamos na casa, desde o noso teletraballo, descubrimos moita da parte humana das nosas xogadoras. E soubemos que algunhas eran enfermeiras e doutoras e convertéronsen nas nosas heroínas.
Ese momento serviu tamén para que algunhas persoas caeran na conta de que as deportistas tiñan que traballar ou estudar ademais de xogar. Efectivamente, o deporte feminino, en boa parte dos casos, non dá para vivir. Non é profesional, por moita dedicación e horas que lle botes.
A sociedade buscou válvulas de escape e os rollos de papel hixiénico mudaron en balóns e os retos virais sucedéronse buscando que todas, como sociedade, non perderamos o norte nin a esperanza.
Ver esta publicación en Instagram
Fixemos roldas de prensa e entrevistas a través de plataformas que se puxeron de moda: zoom, meet, teams… Seguimos directos en Instagram, por YouTube e por toda canta plataforma permitía seguir conectados ao deporte dende á nosa casa. Porque esa era consigna no confinamento: #QuedaNaCasa.
A incertidume segue aquí, na nova normalidade
E chegou a nova normalidade, que é calquera cousa menos normal, pero que permitiu que parte do deporte volvese competir. Normas, protocolos, calendarios, todo cambiaba dun día para outro. Aí seguía presente a coprotagonista da película: a incertidume. Porque se a protagonista foi a COVID-19 a incertidume que levaba aparellada converteuse nunha compañeira de viaxe no día a día, tamén no deporte.
Ao final, todo sae, e unha boa parte das competicións puideron comenzar. E regresamos ás previas, ás crónicas, ás reportaxes e ás entrevistas post partido. A Secretaría Xeral para o Deporte puxo en marcha os protocolos FISICOVID-DxT Galego para buscar un regreso á práctica deportiva o máis seguros posible dentro do deporte federado.
Agora as fotos do arranque do partido fanse con distancia social, as deportistas só quitan a máscara para o momento de competir e as gradas case non teñen público ou directamente non o teñen. Pero o deporte segue.
Se antes as xornalistas preguntabamos cada semana polas convocatorias e se había baixas, agora agardamos que a comunicación dos clubs sexa que “non hai positivas”.
Na redacción tivemos momentos de impotencia nos que caiamos na conta de que informabamos de tantas previas como de partidos adiados. Tivemos que contar como se suspendían competicións como algunha carreira popular. As San Silvestres foron virtuais pero celebráronse. Contamos como plantillas confinadas tiñan que volver xogar case sen adestrar en canto remataban o illamento. Dan ganas de berrar: “Xogo revolto”, porque as regras, sendo as mesmas, non son iguais. Nada é igual. Pero todo segue.
Preguntabamos ás xogadoras sobre clasificacións que foron por momentos irreais, cunha diferencia de partidos xogados entre clubs que impedían interpretar os datos como levamos anos facéndoo. Todo escapa do habitual, todo muda por momentos. Todo se relativiza e importa menos cando a PCR é positiva. Porque en medio de todo isto, lembremos, a xente enferma e, nalgúns casos, morre. Ese é o verdadeiro drama.
Pero o deporte quere resistir e loita por facelo. Así que nesas andamos. Resistindo.
O deporte é resiliente
Neste momento a sombra da suspensión dun segundo curso é unha posibilidade que non se desbota no deporte estatal. O galego xa está parado. En principio, unha semanas, pero a evolución da pandemia determinará as decisións finais das autoridades sanitarias coas que terán que bregar as autoridades deportivas.
A historia repítese, o cansanzo e a incertidume mallan as forzas. Pero se de algo sabe o deporte é de que cada vez que se perde, cada vez que non sae unha figura sobre o tapiz, sempre que non entra un tiro libre ou unha falta directa a única posibilidade que existe é erguerse e volvelo tentar.
O deporte é resiliente por definición. Ten na superación persoal e do grupo un dos seus alicerces. Aprender e reinventarse é intrínseco a todo deportista que teña pasado por unha lesión grave.
Sábese que a xente do deporte só temos na derrota un motivo máis para adestrar máis e mellor. Así que, como di ese anuncio que vos vai vir á cabeza: que che dean! Non vas poder con nós!