- Na San Silvestre coruñesa o ano pasado houbo un 35% de mulleres inscritas mentres que nesta edición a porcentaxe sobe ao 36%.
- Xa hai máis de 1.500 corredores que se descargaron a app, que estará dispoñible até o próximo 6 de xaneiro de 2021.
- A organización comezou xa os sorteos de máis de 60 agasallos de colaboradores e patrocinadores para os máis solidarios, quen realizan unha achega á Cociña Economica.
- As descargas do estranxeiro proceden de territorios como Alemaña, Francia, Italia, Venezuela, Ecuador e, sobre todo, Estados Unidos.
A undécima edición da San Silvestre Coruña, que este ano tivo que adaptarse ás circunstancias sanitarias de 2020 para transformarse nunha carreira virtual e solidaria, logrou bater a súa marca de participación de mulleres, co 36% das inscricións. O ano pasado esta porcentaxe era do 35% e, aínda que aínda é baixo, vaise incrementando ano tras ano a participación feminina.

A carreira atlética logrou superar xa as 1.500 inscricións. De todos os percorridos propostos, o preferido é o de 10 quilómetros que une Riazor co Parrote, ao que se apuntaron xa 260 persoas, seguido pola outra opción proposta, tamén de 10 quilómetros, desde O Parrote até o Milenium, con case 200 inscritos.
San Silvestre Diversa e Inclusiva, interxeracional e internacional
A carreira quere potenciar o seu compromiso coa diversidade funcional, de forma que, aínda que non poida ser de maneira presencial, incluíu unha opción denominada Diversa Inclusiva, na que xa se anotaron 15 persoas.
Entre os participantes da San Silvestre coruñsa, hai unha gran diversidade, empezando pola idade. Hai anotadas catro persoas de 75 anos, unha muller e tres homes, mentres que no extremo oposto hai dous nenos e dúas nenas de só seis anos de idade.
En canto ás descargas, a maioría son da Coruña, aínda que hai participantes de Alemaña, Francia, Italia, Venezuela, Ecuador e, sobre todo, Estados Unidos. Dentro de España, hai participantes de Asturias, Baleares, Cataluña, País Vasco, Castela e León e Madrid.
A pesar de que a carreira este ano é virtual, entre os participantes máis solidarios, que son quen realizaron unha doazón á Cociña Económica, realizaranse máis de 60 sorteos de premios grazas aos colaboradores e patrocinadores, que comezaron xa. Hai xamóns do Piñeiral, reloxos deportivos de Joyería Calvo, lentes de sol de Óptica Castro, bonos de saúde de Termaria, packs de Coca Cola e Gadis e dorsais para as carreiras da Muller e San Silvestre de 2021.
Como anotarse e como descargar a APP da San Silvestre Coruna
A inscrición da San Silvestre Coruña para realizar os percorridos, así como a descarga da app, é totalmente gratuíta. Estará aberta até o seis de xaneiro, salvo na opción da Bolsa do Corredor, a que permite obter a camiseta oficial da carreira, que se pechará o próximo 26 de decembro.
Aínda que a proba é gratuíta, os participantes que así o desexen poderán realizar unha doazón mínima de cinco euros, que irán destinados integramente á Cociña Económica, o que lles permitirá dispor de agasallos e promocións dos colaboradores e patrocinadores. Os corredores con camiseta poden recoller a súa bolsa no Decathlon de Marineda City.

A carreira realizarase despois de inscribirse a través da aplicación oficial, San Silvestre Coruña, que xa se pode descargar para dispositivos Android e Apple, ou na páxina web www.sansilvestrecoruna.com.
Os participantes poderán realizar un, varios ou todos os percorridos deseñados pola organización ou nun libre, elixido polo propio corredor, todas as veces que queiran aínda que só contabilizará o mellor tempo conseguido. Desta forma, a San Silvestre Coruña pódese disputar por calquera persoa, de calquera idade en calquera parte do mundo.
Tres percorridos con diferentes distancias
Hai tres tipos de percorridos, ademais do que elixe libremente o participante: os oficiais (dúas distancias para escolares de 500 e 1.000 metros, 5 quilómetros e 10 quilómetros polo Paseo Marítimo), o Camiño Inglés (cun total de seis etapas) e o Reto Diversa Inclusiva.
A carreira virtual poderá disputarse todo o mes de decembro aínda que as inscricións para levar a bolsa do corredor terminarán hoxe, 26 de decembro de 2020, ou ben cando se esgoten as existencias. O pack poderá recollerse no Decathlon de Marineda City a partir do próximo 20 de decembro.
Marca de participación en 2019
O pasado ano, a San Silvestre Coruña bateu a súa marca de participación, con 4.650 corredores en categoría absoluta e 200 participantes na infantil, categoría que se disputaba por vez primeira.

Na saída, antes de entoar o xa tradicional ‘Miudiño’, rendeuse homenaxe ás campioas da liga Iberdrola de Rugby, as mozas do CRAT Residencia Rialta A Coruña, e a alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de dar a saída da proba.
Pablo Bocelo e Deirdre McDermot foron os gañadores da décima edición da San Silvestre Coruña, con saída e meta no Parrote. Bocelo fixo o percorrido de 7.250 metros nun tempo de 21.51. McDermot entrou no posto 41 da clasificación xeral, con 25:17.
A XI San Silvestre está organizada por Club Rialto, coa colaboración do Concello da Coruña e con Abanca, Castro Ópticos e Gadis como patrocinadores. Ademais, tamén colaboran Cocacola, Termaria, Etnia Barcelona, Jamonerías O Piñeiral, Transdelfer, Decathlon, La Opinión A Coruña, Radio Coruña e Fibex.