Natalia Rodríguez seguirá unha tempada máis co BAXI Ferrol. “Non podía perderme a volta á máxima categoría”, aseguraba a xogadora canaria tras a renovación.
Coa próxima campaña, Rodríguez cumprirá a súa quinta tempada en terras ferrolás. “O club foi a miña casa nestes últimos catro anos. Pasamos por todo, desde unha Copa da Raíña e un play-off ata un descenso, unha pandemia que nos impedía chegar ao play-off e, por fin, aínda coa pandemia en medio, chegamos a onde esperábamos”, declarou.
A alero é a segunda renovación cara a seguinte campaña, despois da confirmación de Jenna Allen.
Rodríguez prevé unha tempada de maior nivel para a 2021/2022
Coa mente xa posta no retorno á LF Endesa, a canaria comenta que “é un peldaño que imos subir e será moi diferente á tempada que acabamos de rematar. Os equipos son máis físicos e tácticos, así que toca dar un paso adiante e mostrar que estamos nese nivel”.
Natalia Rodríguez: “Os equipos son máis físicos e tácticos, así que toca dar un paso adiante e mostrar que estamos nese nivel”
A alero rematou a pasada campaña nun bo momento deportivo e quere seguir dando pasos na LF Endesa, a máxima categoría do baloncesto feminino español, na que espera axudar ao equipo a certificar a permanencia.
A mensaxe á afección
A afección do BAXI Ferrol foi parte fundamental na consecución do ascenso e, sen dúbida, o será tamén na próxima tempada na loita pola permanencia.
Natalia Rodríguez quixo acordarse dela, á que agradece o seu apoio. “Non hai palabras. Estiveron aí nos mellores momentos malia as circunstancias da pandemia pero, sobre todo, estiveron nos peores momentos. Así que só podo dicirlles que este ano necesitarémoslles máis que nunca para volver con esa identidade que define a Ferrol, A SÚA AFECCIÓN”, declarou.
Natalia Rodríguez: ” Qeremos sentir a calor, os Ruxidos e a súa paixón polo baloncesto. Vémonos na Malata”
O vindeiro curso será complicado, cada semana será un novo reto, polo que “pase o que pase en cada xornada, queremos sentir a calor, os Ruxidos e a súa paixón polo baloncesto. Vémonos na Malata”, subliñaba.