As Guerreiras Laranxas do Pescados Rubén Burela voltarán ao traballo mañá sábado 26 de decembro, logo dun merecido descanso nestes días de Nadal. Previamente, as futbolistas recibiron o recoñecemento de institucións lucenses. Por un lado foron brindarlle o título de campioas de Copa da Raíña á vila de Burela, sendo recibidas polo alcalde, Alfredo Llano, que recoñeceu o seu último logro que engrosa aínda máis a vitrina de trofeos das mariñás. Tamén recibiron a visita do deputado provincial de deportes, Efrén Castro, que lles trasladou os parabéns polo título no torneo do K.O. en nome da Deputación Provincial de Lugo.
O Burela impoñíase ao Poio Pescamar nunha final estatal protagonizada por equipos galegos que demostrou a valía do futsalfem da nosa comunidade.
O Burela revalida o título de campión da Copa da Raíña de Fútbol Sala
A sesión do sábado 16 do Pescados Rubén Bureal será a última preparación antes da visita con Intersala Promesas Zaragoza, que pechará o ano e os compromisos da primeira volta para o conxunto burelista coa oportunidade de reafirmar o seu liderado do Grupo B de Primeira División.
Recepción polo Concello de burela
As Raíñas e a II Copa xa están en Burela e quixeron brindar o último título da Familia Laranxa á vila mariñá. As xogadoras do Pescados Rubén Burela FS, acompañadas polo presidente, Manuel Blanco, e outros membros da directiva, foron recibidas recentemente no consistorio polo alcalde de Burela, Alfredo Llano, en recoñecemento á súa última xesta.
As bicampioas de Copa da Raíña tamén recibiron os parabéns do responsable da área de Deportes, Ramiro Fernández – que xa as acompañou en Málaga durante a final four desta fin de semana -, a concelleira de Igualdade, Noelia María Ben, e o edil do BNG, Mario Pillado.
O acto, programado no salón de actos, trasladouse á praza do Concello – mantendo as medidas de distancia social – para poder ofrecer o galardón revalidado no pavillón Martín Carpena aos afeccionados que se achegaron ata alí.
As capitás, Peque e Bea Mateos, celebraron o título dende o balcón consistorial, xunto ao alcalde e o presidente laranxa, prometendo traballo para seguir traendo ledicias, éxitos e títulos á bisbarra da Mariña.
🏆🏆 Non podían estar máis contentas as xogadoras do @burelafs na recepción no Concello de Burela🏆🏆 pic.twitter.com/7tuOAZvIGr
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) December 22, 2020
As raíñas reciben os parabéns da Deputación de Lugo
O deputado de Deportes, Efrén Castro, achegouse a Burela para trasladar ao Pescados Rubén Burela FS os parabéns da Deputación provincial de Lugo polo título da Copa da Raíña, revalidado hai pouco en Málaga.
O deputado visitou o equipo mariñán no pavillón de Vista Alegre. Xunto a Efrén Castro, tamén aplaudiron os logros de xogadoras e corpo técnico laranxas a deputada mariñá Mónica Freire e os concelleiros nacionalistas Dori González e Silvino Oroza.
O Pescados Rubén xa pensa nos adestramentos coa visita do Intersala Promesas Zaragoza xa como próximo obxectivo, o domingo, día 27, correspondente á xornada 2 da Primeira División do Fútbol Sala Feminino da RFEF aprazada. O partido terá lugar ás 12:00 horas, e poderá seguirse en directo por TVG2.
As futbolistas do conxunto da Mariña lucense chegan en plena forma a este cruce co Intersala Promesas Zaragoza. Con sete partidos disputados, as galegas ocupan o liderato con 19 puntos, dous máis que o segundo, o Torreblanca Melilla, que leva un encontro xogado máis. Son xa catro as xornadas consecutivas sen coñecer a derrota que leva o Pescados Rubén Burela FS.
No anímico, a moral das guerreiras laranxas está polas nubes logo de asinar un novo título que xa reloce nas vitrinas do club de Burela para fachenda da vila e das seareiras do equipo.
O Burela quere manter o festexo cunha vitoria contra o Intersala Promesas