Nesta tarde de sábado 6 de abril, a partir das 17.00 horas, dispútase no pavillón da Raña de Marín, un duelo de rivalidade galega. O Pescados Rubén Burela, líder da clasificación, visita ao ENCE Marín Futsal, que ocupa postos de descenso.
Esta xornada 24ª da Primera Iberdrola de fútbol sala fai que a cabeza e a cola da clasificación se vexan as caras e que ademais sexa con dous equipos galegos como protagonistas.
O encontro retransmitirase por streaming a través da web da RFEF e canle de youtube de Vuvuzela Live.
Antía Pérez di que o Pescados Rubén Burela vai polo +3
A futbolista do Pescados Rubén Burela, Antía Pérez, falaba do partido ante o ENCE Marín Futsal na previa. Explicaba a futbolista galega que o Burela está “nunha boa dinámica e adestrando ben. Creo que o Marín é un equipo moi competitivo. Ao final na súa casa é un equipo complicado. Imos facer o noso papel e tentar levarmos o +3. Marín na súa casa é un equipo forte. As novas fichaxes achegaron cousas positivas ao equipo”.