- O Fútbol a Pé xa é deporte federado.
- A RFGF integra dentro da súa estrutura esta disciplina que chega para quedarse e é validade para calquera persoa sen distinguir xénero ou idade.
- Trátase dunha opción de ocio, lecer e saúde que quere chegar a incluir a todos os públicos.
- O principal impulsor desta modalidade en Galicia é José María Rial.
A Real Federación Galega de Fútbol acaba de integrar esta nova disciplina dentro da súa estrutura, no que supón unha empurrón definitivo para o asentamento dunha modalidade que naceu en decembro de 2019 en Cangas e con clara vocación de ir ampliándose a outros puntos da comunidade autónoma.
Na práctica, e a partir de agora, todas as persoas que xogan ao Fútbol a Pé terán unha mutualidade similar á de calquera futbolista federada/o, tendo á súa disposición todos os servizos médicos federativos propios e os concertados: clínicas propias, médicos, fisioterapeutas e outros especialistas.
A pesar do parón lóxico consecuencia da pandemia a expansión do Fútbol a Pé é imparable, a modalidade volveu voar e xa conta cun número de incondicionais. Actualmente hai seis grupos en Cangas e un máis en Vigo, que adestra en Mos, con máis de 60 persoas con licenza federativa, ademais de moitas máis que están a probar antes de anotarse.
O obxectivo da RFGF agora é “que se chegue a implantar noutras localidades da nosa comunidade e para iso celebraranse unha serie de xornadas de portas abertas para que todos e todas os interesados/as poidan descubrir todas as características dunha modalidade deportiva que chegou para quedar”, explican desde a FutGal.
Queres probar o fútbol a pé?
“Aínda que inicialmente naceu máis orientada cara a un público máis veterano, a sorpresa está a chegar con participantes cada vez máis novos, e mesmo chegaron a coincidir no campo pais e fillos. E tampouco hai restricións de ningún tipo para que a poidan practicar homes ou mulleres indistintamente”, relatan desde a RFGF.
É máis, as facilidades para apuntarse son máximas. “Só ten que poñerse en contacto connosco e que veña a probar. Hai xente que o fai e apúntase ao día seguinte e outros que tardan unha ou dúas semanas. Non nos importa o tempo que estean de proba”. Pódese contactar coa organización no correo electrónico futbolapie@gmail.com ou ben no teléfono do seu principal impulsor: 610 704 450, José María Rial.
En función do número de interesados/as en probar esta disciplina organizaranse probas ou xornadas de portas abertas en determinados puntos de Galicia nas próximas semanas.
Deporte, saúde e un beneficio psicolóxico
O Fútbol a Pé é unha variante deportiva do fútbol de clubs, que a través das súas normas busca ser unha actividade física inspiradora e divertida, libre de lesións, marcada nun contexto primordialmente non competitivo. Está dirixida a persoas de calquera idade, xénero e condición física.
Deporte, saúde e un beneficio psicolóxico polo compoñente de socialización que conleva este xogo. Estas son as tres principais vantaxes do Fútbol a Pé, unha modalidade que se axusta como anel ao dedo a xogadores de todas as idades.
O seu principal impulsor en Galicia é José María Rial
O impulsor deste deporte en Galicia é o cangués José María Rial, técnico deportivo superior e ex adestrador de fútbol. Nos últimos meses realizáronse actividades en varios puntos de Galicia como Pontevedra, Sanxenxo ou Santiago, para expandir esta práctica que conta co respaldo médico e agora co amparo da Real Federación Galega de Fútbol como unha modalidade máis dentro da súa estrutura.
José María Rial patentou a idea, cuxa presentación se produciu en marzo de 2020 cunha charla médica na que se explicaron os beneficios desta actividade.
Así son as regras do fútbol a pé
As regras son as mesmas que en fútbol, aínda que, en esencia, non está permitido correr. Entre as súas normas, entre outras, figuran as seguintes:
- Enfróntanse dous equipos de seis ou sete xogadores cada un.
- A duración do encontro é de dúas partes de 20 minutos cada unha.
- O encargado de “poñer orde” ao partido é un híbrido entre un técnico e un árbitro.
- Está prohibido correr.
- Cada xogador só pode dar tres toques antes de pasar a pelota.
- Non se pode facer entrada ao adversario.
- Só se pode roubar a pelota por interceptación.
- O gol só é válido se todos os xogadores do equipo que marca están no campo contrario.