“Estamos súper contentos co cadro que confeccionamos. Cremos que está capacitado dabondo para pelexar por ese obxectivo que ten esta temporada o Club que non é outro que ese ascenso á máxima categoría”, así de segura nas capacidades do Dépor ABANCA 2022-23 se amosaba Rocío Candal, responsable da sección.
A sala de prensa de ABANCA-RIAZOR acollía unha comparecencia de Rocío Candal, responsable do Dépor ABANCA, para facer balance do equipo unha vez pechado o mercado de fichaxes e a piques de arrincar a competición en Primera Federación FutFem este domingo 11 de setembro ás 12:00 en Abegondo fronte ao Rayo Vallecano.
Asegurou que “estamos súper contentos co cadro que confeccionamos. Cremos que está capacitado dabondo para pelexar por ese obxectivo que ten esta temporada o Club que non é outro que ese ascenso á máxima categoría. O cadro conserva futbolistas da temporada pasada, futbolistas que son estruturais dentro dese proxecto que temos; e novos reforzos que nos van a dar ese salto de calidade, eses perfís que van sumar e achegar moito nesta temporada”.
Obxectivo do equipo é volver á elite. Non será doado, pero é a meta. “Sen dúbida. É un obxectivo difícil, ambicioso, esixente e que ao longo dunha temporada natural non podes controlar todas as variables, pero desde o que estea nas nosas mans tentaremos facer os méritos suficientes para que ese ascenso sexa posible”, explicaba Rocío Candal.
Vinte futbolistas para un ascenso
Consultada sobre o cadro de xogadoras que compón o bloque do Dépor ABANCA 2022-23, a responsable da sección advertía que non ía “comparalo con outras temporadas porque estaría feo pola miña banda ao ser esta o primeiro cadro que confecciono eu. Si considerabamos que que en canto a número tiñamos que contar con 20 futbolistas máis ou menos para evitar contratempos”.
Explicaba Rocío Candal que “ao longo dunha temporada sempre hai lesións, situacións indesexadas de ciclo de amoestacións e ese tipo de cousas que ao final che condicionan un pouco as convocatorias. Criamos que 20 era un bo número para partir e sempre tendo en conta tamén que que desde o filial hai mozas que veñen pisando forte, que fixeron boa pretemporada co primeiro equipo e que tiraremos delas tamén o máximo posible”.
Segundo explicaba na rolda de prensa Rocío Candal: “O verán foi o típico dun mercado de fichaxes con 10 renovacións, 10 fichaxes, tentando que o cadro sexa o máis competitiva posible, buscando ese obxectivo común tamén coa chegada de Irene Ferreras e dándolle unha volta ao proxecto”.
A elección de Irene Ferreras como adestradora do Dépor ABANCA 22-23
“É verdade que estivemos a traballar noutras opcións, que valoramos diferentes nomes para asumir ese cargo de adestradora do Dépor ABANCA; pero desde o primeiro momento Irene era nosa primeira opción. Observamos tamén desde a primeira reunión que había esa predisposición e esa ilusión por parte dela para estar aquí. Ilusionáballe o proxecto polo simple feito de demostrarnos que, tendo a oportunidade de seguir no Real Madrid, ela quería estar aquí. Considerabamos que era a mellor candidata”.
Segundo manifestaba aos medios Rocío Candal a incorporación de Irene Ferreras ao corpo técnico deportivista “Foi un proceso fácil porque tanto por parte de Irene como por parte do Dépor ABANCA, todos tiñamos claro que era a mellor opción. Despois desa primeira reunión con ela, telemática, en cuestión de días Irene asina polo Dépor ABANCA e consideramos que é unha técnica que está máis que capacitada. O seu currículo así a avala. Vén de ser segunda adestradora nun equipo de primeiro nivel como o Real Madrid. Acumula tamén experiencias en Primeira División, á fronte de bancos como Valencia e Rayo; e é a técnica idónea para desenvolver aquí un proxecto que sexa o máis duradeiro posible”.
O Dépor ABANCA percíbese como “un equipo serio”
“Lonxe da Coruña a visión que se ten do o Dépor ABANCA é moi positiva. É sabido por todo o mundo do fútbol feminino que é un proxecto serio, un Club que pon a disposición das súas futbolistas todos os medios posibles dentro desa rutina o máis profesional posible, moi similar á época do equipo en Primera Iberdrola”.
Segundo explicaba Rocío Candal “a partir de aí, de que as xogadoras que seguen da temporada pasada, incluso algunhas das que se foron, seguen falando ben do proxecto, é moito máis fácil explicándolles o simple feito de que adestran diariamente en campos de herba natural, que iso por desgraza no fútbol feminino aínda non é demasiado frecuente, adestrar polas mañás, todos os os medios que teñen á súa disposición e explicándolles o proxecto que temos, a intención do Club de facer as cousas ben, de que a intención sexa positiva desde un inicio”.
Admite Rocío Candal que as negociacións foron “con algunhas é máis difícil que con outras, como é normal. Cada negociación ten as súas particularidades, pero había moito traballo feito nese sentido”.
Explica a responsable do Dépor ABANCA que convencer a xogadoras como Ainhoa Marín ou Inés Altamira, “foi bastante fácil. Elas tiñan moi claro que querían seguir na Coruña. Tiñan a mesma intención co Club que a que tiña o Club con elas. Era un sentimento mutuo de reciprocidad e nese sentido foron renovacións que xa se foron dando no tramo final da temporada pasada. Xa non houbo que esperar ao verán. E nesa liña de xogadoras estruturais para o proxecto, xogadoras que poden ser diferenciais nesta categoría e que xa o demostraron, decidimos que a súa extensión de contrato fora por máis dunha temporada”.
O obxectivo é o ascenso, pero hai opcións?
“Co cambio de formato, coa unificación dos dous grupos, vai ser unha competición moi disputada, con proxectos moi fortes, con rivais importantes e históricos dentro de fútbol feminino español como pode ser o RCD Espanyol ou outros como Osasuna, que leva varias temporadas pelexando por ascender; a Granada, que tamén está a facer un bo proxecto; ou a SD Eibar, que acaba de caer da máxima categoría”.
Advirte Rocío Candal que a realidade é que hai “moitos candidatos para esas dúas únicas prazas de ascenso. Vai ser unha competición moi igualada. A diferenza da temporada pasada, onde podías ver os obxectivos máis marcados en cada un dos equipos, este ano moitos aspiran a ascender”.
Cris Oreiro fará tamén de enlace cos equipos de fútbol base
A ex futbolista e agora adestradora Cris Oreiro exerce como segunda de Irene Ferreras tras unha exitosa etapa á fronte do banco das cebras do Victoria. Pero tal e como explica Rocío Candal, as súas funcións van máis aló: “Aitor (Prieto) comunicounos este mesmo verán que non ía continuar no Deportivo ABANCA para emprender unha nova aventura profesional. Desde ese momento apostamos porque Cris Oreiro, ademais de ter a función de segunda adestradora do primeiro equipo do Dépor ABANCA, puidese facer de ligazón con eses equipos de fútbol base, aproveitando o coñecemento que ela ten de todo o que ten que ver co fútbol galego”.
Á procura dun Dépor ABANCA con capacidade de adaptación e que leve a iniciativa
“Inicialmente é unha liña continuista coa temporada pasada. A Irene gústalle que os seus equipos leven a iniciativa, unha proposta atractiva para o espectador, dese fútbol combinativo. Quizais é unha adestradora que busca que os seus equipos sexan camaleónicos, que non estean incómodos independentemente do plan de partido. Puidémolo ver esta pretemporada, en partidos máis físicos para que o equipo non senta inferior… Partindo desa primeira idea de fútbol combinativo, quere un Deportivo ABANCA que sexa capaz de adaptarse a outros contextos de xogo, o que vai ser moi importante dentro desta categoría”.
Algúns nomes propios: Cris Martínez, Sara Navarro, María Ruiz, Jone Ibáñez…
Rocío Candal era consultada sobre algunhas xogadoras que compoñen o bloque de futbolistas que adestra Irene Ferreras. Por exemplo, Cris Martínez, da que dixo: “É unha referente dentro do proxecto do Dépor ABANCA. Leva aquí desde o primeiro día da creación do proxecto. É a capitá, o xogadora emblema, a que máis tempo leva aquí. Oxalá todas esas futbolistas que veñen do filial e do Orzán SD, que están comezado as súas carreiras, copien ese referente no primeiro equipo. Tanto no día a día como no campo é unha xogadora imprescindible, unha persoa importante para que todo vaia ben”.
Sobre Sara Navarro explicaba que: “Ao longo da pretemporada considerabamos que deberiamos asinar unha futbolista máis en banda por unha cuestión numérica e porque criamos idóneo ter un perfil máis, unha variante máis nas posicións de ataque. Así sae a situación de Sara Navarro. Expómoslle a posibilidade de que poida vir. Desde o primeiro momento vimos moi boa predisposición pola súa banda”.
Segundo explica Rocío Candal, “ao final foi unha negociación dos últimos días de mercado. De feito se oficializa a posteriori do día 1 pero como era unha xogadora libre tiñamos esa marxe. Pódenos achegar moito. Ten dous ascensos na súa traxectoria coa SD Eibar e a temporada pasada co FC Levante Las Planas. Ten experiencia en Primeira. Por perfil vai sumar moito tanto a nivel persoal como profesional. Onte xa puido adestrar co equipo e estamos moi contentos coa súa chegada”.
No caso de María Ruiz, a responsable do Dépor ABANCA declaraba que “houbo proposta de renovación por parte do Dépor ABANCA pero a xogadora considerou que a súa etapa na Coruña xa finalizara. Tiña esa proposta de Primeira División do Sporting Huelva e decidiu que era o momento de dar o salto, así que desde aquí o noso agradecemento e que teña moita sorte nese novo reto para o que creo que está dabondo capacitada como así demostrou xa na Coruña”.
Jone Ibáñez foi outra das futbolistas que decidiu non continuar no conxunto branquiazul, tal e como relata Rocío Candal. “O caso de Jone Ibáñez é tamén unha situación similar”, apunta en referencia á situación de María Ruiz. “Houbo proposta de renovación, pero decidiu asinar pola SD Eibar, achegarse máis á súa casa, estar preto da súa familia. Coincidimos con ela en pretemporada, desexámosllo persoalmente pero oxalá lle vaia tan ben”.
Aínda non consta oficialmente o formato de competición
“A día de hoxe non temos confirmación oficial por parte da Federación Española. O que se nos traslada na circular meses atrás é que o campión de Primera Federación FutFem ascende directo e do segundo ao quinto ían disputar un play-off de ascenso con final a dobre partido onde ascenderían os dous campións desas dúas hipotéticas finais. Esta semana comunican a través do CSD que só vai haber dous ascensos”.
De todos os xeitos, segundo explica a responsable da sección, Rocío Candal, “non recibimos aínda esa circular que rectifique como será o segundo ascenso. Entendo e isto é pura opinión que será a través do play-off, porque no calendario de competición da Federación Española xa figuran esas datas, pero non podo dicir moito máis do formato porque de maneira oficial aínda non nos consta”.
Continuidade e incorporacións do Orzán SD para o Dépor ABANCA B
“É un cadro de continuidade onde segue o groso do curso pasado, promocionan futbolistas desde o Orzán SD, futbolistas novas do ano 2006, como o caso de Laura Otero, que foi un dos nomes propios da pretemporada polas súas boas actuacións. Está na liña de todo filial, foguear futbolistas”.
Na opinión da responsable da sección “Están a facer un bo traballo con Kevin Cabado, que sigan por esa liña e máis que un obxectivo competiticional, a clave é que as mozas sigan formándose para poder axudar o máximo posible ao primeiro equipo”.
Explica Rocío Candal que no Dépor ABANCA B “Hai nomes propios que vimos ao longo deste verán co primeiro equipo, sumando minutos de calidade, realizando toda esa pretemporada ás ordes de Irene Ferreras e o seu staff”.
Como filial que é, o obxectivo é máis a formación que os resultados competitivos. Así o apunta Rocío Candal: “Máis aló dun resultado a nivel clasificatorio nunha liga como Primeira Nacional, que este ano vai ser difícil con equipos como o Sporting, que acaba de baixar dúas categorías, ou mesmo o filial do Real Oviedo, debemos mirar cara á formación das mozas e que pouquiño a pouco poidan ir dando ese paso e derruben a porta do primeiro equipo que é o que todos queremos”.
Terá o Dépor ABANCA categorías inferiores?
“Traballaremos niso. Aínda quedan un par de temporadas máis de convenio co Orzán SD. Están a facer un moi bo traballo de base. A nosa intención é reter o mellor talento de Galicia, que as mellores xogadoras do fútbol galego estean aquí, sexa coa camiseta do Orzán SD como coa camiseta do Dépor ABANCA”.
Segundo asegura Rocío Candal: “Somos todos o mesmo, imos no mesmo camiño e ese Deportivo ABANCA con categorías inferiores xa veremos. Estamos moi contentos co traballo que están a facer no Orzán SD e ese debe ser o camiño a seguir actualmente”.
Incertidume no arranque da Primera Federación ao non saberse como será o segundo ascenso