A filosofía do Cidade de As Burgas GLS está clara: apostar por novas xeracións de futbolistas da canteira. Nos trece anos que o club leva competindo en categorías nacionais, ata 39 xogadoras debutaron vestindo a elástica verde. Delas, catro, e de tan só 15 anos, o fixeron nesta tempada 2020/2021. Trátase de Fara Antolín, Sol Pedrera, África Pazos e Carlota Garayzabal, a última delas estreándose con gol.
“Nós miramos á base e sacamos xeracións de xogadoras novas. Dámoslles confianza e non nos fixamos na idade”, explica Manolo Codeso, adestrador do primeiro equipo e responsable de dar a oportunidade ás xoves promesas do fútbol sala ourensán.
Cumprindo un soño
O discurso para animar a estas xogadoras, que carecen de experiencia na categoría, é que “se fixen na súa calidade, que é polo que están en Primera”.
Sol Pedrera: “É un soño e estou moi agradecida”
“Para min segue a ser un soño xogar na máxima categoría. A calquera nena lle preguntas e é o que te diría. É un soño e estou moi agradecida”, declara Sol Pedrera, preguntada polo que sentiu ao debutar co primeiro equipo.
A futbolista leva xa tres anos no club. Os seus inicios estiveron ligados ao equipo de fútbol do seu colexio, ata que Sonia, do Cidade das Burgas, púxose en contacto con ela para que se unise ao club de futsal.
Empezou en categoría infantil, e pronto chamou a atención do adestrador, que contou con ela para “adestrar coas maiores e con maior nivel”. Desta forma, Pedrera decatouse de que o seu era o futsal. “Deixei o fútbol e metínme completamente ao fútbol sala, e aquí estou”, explica.
No mesmo partido que ela, debutaron tamén África Pazos e Fara Antolín. A primeira recorda que “fíxome moitísima ilusión debutar, non esperaba ter esa oportunidade e para ás miñas compañeiras. Debutamos en Barcelona, no primeiro partido de todos”.
Pazos tamén é unha incorporación recente á estrutura do club, aínda que leva desde os cinco anos xogando ao fútbol sala, “o meu deporte”. Comezou a xogar para o Cidade de As Burgas hai dous anos, cando decidiuse por este equipo ao ir ver xogar a Fara e “ver todo o bo roio que había” no equipo.
Preparadas para competir ao máximo nivel
Antes de disputar os seus primeiros minutos, as futbolistas acumulan xornadas e xornadas de adestramentos, que ás veces chegan a ser dun ano antes do seu debut. “Cando vemos a algunha xogadora con condicións as empezamos a meter canto antes, para que estean preparadas”, sinala o técnico.
Manolo Codeso: “Eu contaba con que as xogadoras tivesen este nivel dentro dun ano. Estamos gañando tempo porque están respondendo moi ben”
Fara Antolín confesa que “ao principio cría que non ía chegar ao nivel ou que ía estar en diferenza co resto. Pero a medida que imos adestrando e xogando máis véxome máis metida no grupo e máis cómoda e tranquila”.
Pero as mozas non deixan de sorprender ao veterán adestrador, xa que “contaba con que tivesen este nivel dentro dun ano. Isto fala moi ben delas, xa que estamos gañando tempo porque están respondendo moi ben”.
Fara Antolín: “A medida que imos adestrando e xogando máis véxome máis metida no grupo e máis cómoda e tranquila”
Pola súa parte, África Pazos asegura que non cre que podería ter debutado á súa idade noutro equipo. “Manolo da moitísimas oportunidades á canteira, algo que se demostrou máis dunha vez e máis de dous. Non sei se algún outro adestrador podería ter apostado tanto como apostou el por nós”.
O equilibrio entre novatas e veteranas
Este proxecto non sería posible sen o equilibrio entre as xogadoras debutantes e as que xa levan varias tempadas ás súas costas. O rol das veteranas é fundamental para aportar a súa experiencia ás novas futbolistas e apoialas dentro e fóra do terreo de xogo.
Codeso alaba o traballo dalgunhas das xogadoras que máis tempo levan nas filas do Cidade de As Burgas, como Sonia, ou a internacional Lucía Nespereira. Recorda que sen elas, o plan de aposta pola base non sería posible. Un traballo que non se ve, pero que é clave para que se vexa recompensado no xogo das máis novatas.
En ocasións, as súas actuacións son dunha calidade menor pola súa inexperiencia, así que hai ocasións nas que “traballamos en desigualdade de condicións con outros equipos, porque ao final estamos xogando con nenas e elas (as veteranas) soportan esta faceta”.
Algo fundamental para a confianza das máis pequenas. “As veteranas axudan moitísimo e aprendes moito delas xa que teñen moita experiencia e sempre te animan”, afirma Carlota.
África Pazos: “As veteranas axúdannos sempre, por exemplo cos nervios do primeiro partido nos dicían que ía saír ben, que confiásemos en nós”
Estes ánimos foron especialmente importantes no debut. “Axúdannos sempre, por exemplo cos nervios do primeiro partido nos dicían que ía saír ben, que confiásemos en nós. Sempre queren que melloremos”, recorda África Pazos.
“Á hora de xogar nótase a súa picardía e a responsabilidade que collen. Aportan seguridade e calidade. Levan máis anos e teñen máis experiencia e a calidade é moi distinta á nosa”, apunta Fara.
A inexperiencia e a profesionalización da Liga xogan en contra
Con todo, nesta filosofía de xogo hai claros e escuros. Ceder minutos de xogo a futbolistas sen experiencia e unha “responsabilidade”, xa que os resultados poden ser malos “pero sabemos que despois dun tempo serán bos”, especifica o técnico. “Hai que saber estar tamén nos malos momentos, porque ao final son xogadoras que están debutando”, engade.
Manolo Codeso: “A Liga estase a facer moi profesional”
Outro factor a ter en conta é a crecente profesionalización no futsal feminino. “Nos últimos trece anos os clubs estánse profesionalizando moito. Nós nos estamos quedando un pouco atrás neste sentido, xa que ves a outros equipos e teñen corpos técnicos que traballan moitísimo ao redor das xogadoras. Ademais, é raro o conxunto que non teña algunha extranxeira. A Liga estase a facer moi profesional”, analiza Manolo Codeso.
Un salto que, economicamente, poderían facer no club ourensán, pero prefiren seguir “pelexando polo de casa”. Os triunfos non son tan importantes para o preparador, que se centra en “apostar polas novas xeracións e as xogadoras xoves da casa”.
Confianza na base e ilusión polo futuro
Este é o procedemento que queren seguir e, desde o Cidade de As Burgas, non dubidan da súa mentalidade. O adestrador apunta a cómo desde o club “sempre confiamos nas novas xeracións e en ter unha base boa, confiando no traballo dos adestradores de abaixo”.
Esta é unha fórmula que xa funcionou no pasado, coa promoción de Iria, Vanesa e Ana, cando lograron un subcampionato e colocar a varias xogadoras no combinado estatal. Unhas sensacións que Codeso quere repetir “con Fara, Sol, África e Carlota, que sumamos a unha xeración dous ou tres anos maior, con Amelia, Clara e Aroa”.
Un Cidade de As Burgas xoven, equilibrado, que comeza a ver melloras na pista e, segundo o seu adestrador, comezará a dar alegrías moi cedo. Despois de rascar o primeiro punto da tempada nun empate contra o Teldeporte na sexta xornada, as ourensás caeron fronte ao líder, o Futsi Atlético, pero desafiando ao rival e mantendo o pulso do duelo.
Nesta última cita, Carlota Garayzabal estreouse como futbolista e o seu casilleiro goleador. “Aínda que non estivese moito tempo me chegou, o disfrutei ao máximo todo o que puiden”, declara a xogadora. Garayzabal é unha novata no mundo do fútbol, no que empezou a competir o ano pasado, xa que antes competía en tenis.
No último partido do 2020, a sorte sorriu por fin aos esforzos das ourensás e a primeira vitoria da tempada chegou ante o CD Leganés, cun abultado resultado de 6-2.
“Seguimos con esa ilusión e con este proxecto, con xogadoras que se formaron no club desde pequenas”, resume con orgullo Manolo Codeso. Unha ilusión que traspasa o campo e recóllese desde a bancada, que chea (todo o que se pode neste extraordinario ano) o pavillón do Cidade de As Burgas xornada tras xornada.