O Poio Pescamar está adestrando para prepararse de cara á tempada 2023-24 na que militará, novamente, na máxima categoría do fútbol sala feminino estatal. Xustamente nesa Primera División do FSF da RFEF aterra este curso o seu primeiro rival de pretempada: o FSF Castro.
O conxunto que adestra Luis López-Tulla ten previsto xogar un duelo por sábado ata que comece a liga o 16 de setembro en Burela contra as Guerreiras Laranxas.
O conxunto lucense do FSF Castro será o primeiro test do Poio Pescamar nos partidos de pretempada. Esa primeira proba ante un rival nun amigable terá lugar na cancha das conserveiras, o próximo día sábado 19 de agosto contra o ascendido FSF Castro. Será a primeira vez que a ex xogadora e lenda vermella, Dani Sousa, se enfronte ao Poio Pescamar trala súa marcha. Un partido que, sen dúbida, será emotivo para a futbolista e o club vermello.
Calendario de pretempada 🗓️
👉 https://t.co/mT2WFxGLTo#PoioPescamar pic.twitter.com/ixFnfoOrGF
— Poio Pescamar FS (@PoioPescamarfs) August 14, 2023
Unha semana máis tarde as futbolistas e corpo técnico do Poio Pescamar viaxarán xustamente a Castro de Rei para participar nun torneo cuadrangular contra o conxunto local. Alí esperan Pescados Rubén Burela FS e Viaxes Amarelle FSF ademais do propio FSF Castro. Un bo momento para poder testar o nivel de catro dos equipos galegos que estarán xogando este curso 2023-24 na elite estatal. Só faltarían para completar á festa galega o ENCE Marín Fútsal e o Ourense OnTime.
Xa en setembro, o día 2, o Poio recibe na Seca ó Ourense OnTime, con quen virá outra ex conservera que volta a España, Ana Rivera.
Primeiro partido oficial do Poio Pescamar, a Copa Galicia
Por último, o 9 de setembro o equipo vermello terá o seu primeiro partido oficial. Será un enfrontamento da Copa Galicia da RFGF en cuartos de final. O rival aínda non se coñece. Sairá do duelo herculino entre o 5 Coruña FS e o Viaxes Amarelle FSF que está fixado para o día 3 de setembro no Pavillón da Sagrada Familia.