Logo do anuncio da renovación do seu adestrador, Luis López-Tulla, o Poio Pescamar fixo público que o segundo técnico, Kevin, non seguirá no club conserveiro o vindeiro curso.
Explican desde o Poio Pescamar que o que foi segundo adestrador do equipo de Primera División FutSalFem RFEF, “así como preparador e coordinador dos equipos femininos da base, deixa o club despois de ano e medio para voltar ás Illas Canarias”.
Kevin, de 29 anos, chegou en febreiro de 2022 procedente do Sala Zaragoza e na campaña do 25 aniversario do Poio Pescamar uniuse ó corpo técnico do equipo de máxima categoría formando un xovencísimo liderazgo xunto a Luis López-Tulla (de 27 anos). O éxito do tándem que conformaron queda refrendado pola mellor campaña na historia do club vermello. O equipo rematou a liga regular en segunda posición, sendo o mellor dos cinco galegos que militaron na elite nesta tempada. Foron eliminadas polo Pescados Rubén Burela na semifinal do play-off polo título.
Salientan desde o Poio Pescamar que Kevin “Ademais dos éxitos coas maiores, colleitou numerosas vitorias e títulos galegos coa canteira vermella”. “Moitas grazas polo teu esforzo e moita sorte no futuro!”, deséxanlle ao adestrador desde a entidade galega.
Luis López-Tulla confirmado á fronte do banco do Poio Pescamar para a campaña 2023-24