Varias son as incorporacións coas que o Dépor ABANCA conta para esta tempada 2023-24. A adestradora, Irene Ferreras, facía un repaso unha por unha explicando as características da media ducia de futbolistas que este ano reforzan as filas das Nosas. Manifestou estar en contenta en xeral con todas as chegadas “creo que imos dar un paso adiante na plantilla”.
Sobre a confección do bloque de xogadoras, explicou a adestradora deportista que “buscamos xente, ademais do futbolístico, que persoalmente se adapte ben ao vestiario. Xente que xenere bo ambiente que será chave para reverter situacións que virán en momentos más baixos”.
“Hai moito traballo do ano anterior que este ano nos vai dar vantaxe. Temos claro que fumos a mellor en moitas cousas”, avanzaba a preparadora madrileña do equipo galego.
Nese repaso unha por unha ás seis incorporacións estas foron as palabras de Ferreras:
SARA DEBÉN: “LIMPA E CONTUNDENTE”
Desta futbolista de Ponteareas que xoga como central ou lateral zurda, Irene Ferreras comentaba: “Danos ese perfil zurdo. Pode xogar de central, de lateral… Ímola probar en diferentes posicións. Achega saída de balón limpa, contundente… Coido que se vai adaptar moi ben ao estilo de xogo que pretendemos”.
Sara Debén ficha como nova futbolista do Dépor ABANCA 2023-24
CLARA RODRÍGUEZ: “XOGO OFENSIVO”
Sobre Clara Rodríguez, que chega do filial culé, subliñou Irene Ferreras precisamente que chega do segundo equipo do Barça “que ten un estilo de xogo moi marcado en liña co do Dépor. Penso que gañamos moito en xogo ofensivo”.
AYAKA NOGUCHI: “PERSONALIDADE”
A futbolista de Saitama vai “complementar un pouquiño o mediocampo” tal e como apuntaba Irene Ferreras. Sobre a nipoa dixo a adestradora do Dépor ABANCA que é “unha xogadora con máis experiencia e moi competitiva, que ten moi boa chegada. É unha xogadora con moito percorrido, con moita personalidade para sacar o balón”.
LAURINA: “INTENSA”
Da asturiana Laurina salientou Irene Ferreras que “vén de Primeira División” e pensa a adestradora das branquiazuis que cando unha xogadora “baixa a esta categoría é porque quere ser importante e porque quere dar un paso adiante na súa carreira. Tivo interese por estar aquí desde o primeiro momento. Vén con moita enerxía. Vainos a dar moita versatilidade en todos os postos de arriba. Pode xogar en banda, de punta, de mediapunta, en banda… É intelixente, moi loitadora tamén, moi intensa. Queremos xente que non descoide a tarefa defensiva”.
ANA DE TERESA: “PEGADA”
Coñecida como ADT, a balear Ana Lucía de Teresa Romero aterra no Dépor ABANCA deste o Levante UD. Para Irene Ferreras “coa chegada de Ana de Teresa búscase a pegada. Se eu tivese que destacar algo é ese movemento que ten en área, esa intuición goleadora. Vén tamén de xogar en Primeira División e isto pode ser un paso adiante tamén na súa carreira porque necesita continuidade e boas sensacións. Aquí vai ter todas as condicións para que iso se poida levar a cabo”.
LÍA: “TALENTO”
Unha das incorporacións ao Dépor ABANCA é un retorno, o da coruñesa Rosalía Muíño. Irene Ferreras salienta dela que Lía é “talento. En último terzo vai ser unha xogadora que nos dá moita calidade. Vou insistir moito en que busque portería tamén. O ano pasado faltounos chegada nalgúns momentos”.
O bloque de futbolistas do Dépor ABANCA complétase con renovacións e continuidades, como a de Yohana, Carlota Sánchez, Samara, Ainhoa Marín ou Millene Cabral. A achega da canteira será tamén fundamental no traballo diario e na competición.
Nese sentido, Irene Ferreras avisa de que as xogadoras do filial, o Dépor ABANCA B, van ter protagonismo. “Compleméntannos moi ben e teñen moita capacidade”. Citou en concreto a deportistas como a porteira Martina, a Elena Vázquez, internacional en categorías inferiores que vén de asinar a súa renovación co equipo coruñés, Paula Novo, Carmen Carballada, Noela ou Paula Monteagudo, que o ano pasado entrou moito no xogo do primeiro equipo e adaptouse a unha nova posición con éxito.
O Dépor ABANCA B anuncia a ampliación de contrato da futbolista da canteira Elena Vázquez