O Dépor ABANCA 2023-24 vai collendo forma. Irene Ferreras conta con dúas futbolistas máis renovadas para o proxecto futbolístico que novamente liderará no banco (Raquel García e Charle), así como unha incorporación: a fichaxe de Clara Rodríguez procedente do FC Barcelona B.
Clara Rodríguez García (Barcelona, 12 de febreiro de 2003) converteuse na primeira cara nova do Dépor ABANCA 2023-24 logo de que o club anunciase a súa incorporación. A lateral esquerda catalá, que chega procedente do FC Barcelona B, asinou até xuño de 2024.
Ver esta publicación en Instagram
Clara Rodríguez formou parte do filial barcelonista que na temporada recentemente finalizada quedou campión de Primera Federación Iberdrola, a mesma liga que o Dépor ABANCA finalizou en terceira posición. A futbolista zurda participou en 14 dos 30 encontros do campionato, sendo titular en 8 deles, totalizando 627 minutos de xogo.
Clara Rodríguez é internacional Sub-20
A xogadora catalá incorporouse ao filial azulgrana, procedente do xuvenil barcelonista, na temporada 2019-20, con só 16 anos. Desde entón, disputou 60 encontros (48 como titular) na categoría de prata do fútbol español. Ademais, foi internacional en todas as categorías inferiores da Selección Española: Sub-16 (2 partidos), Sub-17 (2), Sub-19 (3) e Sub-20 (1).
Clara Rodríguez súmase ao cadro deportivista 2023-24 tralas renovacións de Lucía Alba, Henar Muiña e Cris Martínez durante o curso 2022-23, as recentes ampliacións de Millene, Raquel García e Charle e as xogadoras con contrato en vigor: Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Carlota Suárez.
Raquel García, seguirá no Dépor ABANCA e sumará a súa terceira tempada
A futbolista Raquel García Yagüe (Madrid, 22 de abril de 1997) xogará por terceira campaña consecutiva no Dépor ABANCA após asinar a súa renovación até xuño de 2024. A defensa madrileña, curiosamente a primeira futbolista desa comunidade na historia do Dépor ABANCA, aterrou na Coruña no verán de 2021.
Nas súas dúas primeiras temporadas foi indiscutible no centro da defensa branquiazul. O primeiro curso xogou os 30 partidos de Liga, todos como titular, e sendo só substituída no último, aos que engadiu os 2 de Copa da Raíña e o do play-out ante o Real Unión de Tenerife, os 3 como titular e completos.
Na campaña recentemente finalizada, a central madrileña volveu disputar os 30 partidos de Liga como titular, sendo substituída só nun. En Copa da Raíña xogou 1 dos 2 partidos e no playoff de ascenso foi titular e disputou os 420 minutos dos 4 encontros ante CP Cacereño Femenino e Granada CF.
Así pois, Raquel García xa suma 68 partidos oficiais coa camiseta branquiazul: 60 en Primera Federación Iberdrola, 3 en Copa da Raíña, 1 de playout e 4 de playoff de ascenso. Na súa conta particular figuran 3 goles, todos na temporada 2022-23 e no campionato ligueiro.
A central comezou a xogar ao fútbol con só 8 anos no CD Puerta Bonita madrileño. Formada na canteira do Atlético de Madrid, ao que pertenceu durante 10 campañas (2007-2017), no curso 2017-2018 fichou polo Málaga CF. Raquel foi parte importante do equipo que logrou o ascenso a Primeira División e tamén na temporada do debut malagueño na máxima categoría, na que xogou 29 encontros (todos como titular) e marcou o seu primeiro e único gol na mesma.
Ao curso seguinte, a central madrileña puxo rumbo ao EDF Logroño, co que participou en 20 encontros de Primera División, 14 deles como titular. A súa última parada antes da Coruña foi o Granada CF, co que militou en Reto Iberdrola no curso 2020-21. Raquel xogou 21 partidos (13 como titular) e anotou un tanto.
Charle renova un ano máis con As Nosas deportivistas
Unha tempada máis estará tamén Marta Charle Romero (Soria, 27 de febreiro de 2000) nas filas das Nosas deportivistas. A futbolista prolongou o seu compromiso co Dépor ABANCA por unha campaña máis, até xuño de 2024.
A extremo ou mediapunta vestirá a camiseta branquiazul por segunda campaña consecutiva, despois de aterrar na Coruña o pasado verán procedente do CD Parquesol.
Na súa primeira campaña, a futbolista soriana participou en 33 dos 36 encontros oficiais que disputou o Dépor ABANCA, sendo titular en 24 deles. Charle xogou 29 (22 de titular) en Primera Federación Iberdrola, 1 (de inicio) en Copa da Raíña e 3 (1 no once inicial) no playoff de ascenso a Liga F, nos que anotou 5 goles (todos en Liga).
Marta Charle Romero comezou xogando no CD Nuestra Señora de Belén burgalés, entre 2015 e 2017, antes de incorporarse ao CD Parquesol, no que militou cinco campañas. Co equipo valisoletano militou as tres últimas temporadas na categoría de prata do fútbol nacional, sumando 72 partidos e 16 goles, e sendo o seu ano máis prolífico o último, no que asinou 13 dianas en 31 partidos (28 como titular).