Logo de que a Xunta de Galicia levantase, en parte, as restricións de entrada a recintos deportivos, a afección deportivista poderá ir ver As Nosas branquiazuis no seguinte compromiso ligueiro das deportivistas na casa.
O Real Club Deportivo vén de facer público que activa “dentro das esixencias da actual situación sanitaria, o protocolo de apertura da Cidade Deportiva de Abegondo”. Será con aforo reducido, en concreto limitado a 150 localidades. E o partido en cuestión será o cruce da Primera Iberdrola que o Dépor ABANCA xogará co Sporting Huelva o vindeiro mércores día 3 de marzo ás 18:30 horas.
As persoas que sexa socias do club branquiazul poderán optar ás invitacións. O club pide que, se non se ten a seguridade de ir, non se reserve praza para que se poidan utilizar todos os espazos disponibles do recinto abegondés.
Segundo informa o RC Deportivo, para optar a unha das case 150 invitacións disponibles para ir ver a As Nosas, todas as persoas socias do club que o desexen poderán solicitalo formalmente a través da web da entidade coruñesa, concretamente no espazo en liña: http://reservas.rcdeportivo.es. Unha vez se ingrese nesa dirección, deberase introducir os datos que se lle van solicitar e que en principio serán:
- Nome.
- Apelidos.
- ID de socia.
- 4 últimos números do D.N.I.
- Enderezo electrónico.

Tal e como se explica desde o RC Deportivo, este procedemento ten tres fins:
- Poder realizar a solicitude da invitación; en caso de adxudicación de invitación e de que se poidan realizar desprazamentos.
- Poder notificar ao socio que ten dereito de acceso á Cidade Deportiva.
- Levar un control de repartición en atención á normativa sanitaria de seguimento da COVID-19.
A solicitude formal debe realizarse antes do luns 1 de marzo ás 17:00 horas, momento no que se pechará o prazo de solicitudes de entradas para un novo partido de #AsNosas en Abegondo.
Posteriormente ao peche do prazo de solicitudes, o Dépor explica que se vai notificar “vía correo electrónico, a aquelas persoas que sexan adxudicatarias dunha invitación, que dispoñen de entrada e o método de acceso á Cidade Deportiva, lembrando que antes de desprazarse a Abegondo deben comprobar se poden viaxar até as instalacións desde os seus lugares de residencia”.
E se non estás certa de poder ir ver As Nosas?
Dado o escaso número de localidades dispoñibles, o Real Club Deportivo roga encarecidamente que unicamente soliciten invitación aqueles Socios que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden entradas sen utilizar.
Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19.
Control de temperatura, xel, máscara e separación
Explica o RC Deportivo que tamén por protocolo COVID-19 “cada asistente deberá pasar un control de temperatura, higienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido de As Nosas eo Sporting Huelva.
O único desprazamento que se permitiría á afección, dentro do recinto da Cidade Deportiva de Abegondo, é o traxecto aos baños.
Outra advertencia que se achega desde a entidade deportivista, é que hai que respectar en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación deportiva abegondesa.
Como en anteriores ocasiones durante esta pandemia de COVID-19, na Cidade Deportiva de Abegondo non haberá servizo de bar. Tampouco está permitido introducir e consumir alimentos no interior do recinto.
Manu Sánchez: “A este 2021 pedímoslle recuperar á nosa afección en Abegondo”