O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe, 20 de xuño de 2023, a orde do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen “as bases reguladoras para a concesión de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, e se convoca para os anos 2023 e 2024″.
Trátase dunhas axudas da vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes das que se fai eco tamén na súa web a Secretaría Xeral para o Deporte.
Recolle o DOG que “como sucede no conxunto dos sistemas comparados, o tecido deportivo en Galicia ten nos clubs un dos eixes principais sobre os que pivota a práctica de actividade deportiva competitiva e non competitiva na Comunidade Autónoma”.
Explícase tamén no DOG que “a dotación dunha rede de instalacións e infraestruturas deportivas seguras e de calidade, é principal á hora de procurar este desenvolvemento efectivo do sistema deportivo e da práctica de actividade física en Galicia; instalacións e dotacións que posibiliten un incremento nos recursos deportivos ao servizo dos axentes deportivos e dos cidadáns para facilitar unha práctica segura e respectuosa co contorno e co ambiente. Desta forma, é importante para a Administración autonómica continuar destinando financiamento específico a infraestruturas e equipamentos deportivos co fin de potenciar a promoción da práctica deportiva competitiva e non competitiva na Comunidade Autónoma”.
Explícase no DOG que “a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de deportes, asumíndose a través da Secretaría Xeral para o Deporte, consonte o seu artigo 15 e entre outras atribucións, a promoción e a difusión da actividade física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas e a colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións nos ámbitos das infraestruturas e da adquisición de equipamentos”.
A orde publicada no DOG recolle cales son os gastos subvencionables e explica que para “o financiamento desta convocatoria destínanse un total de 1.293.075,39 € repartidos por anualidades do seguinte xeito:
- Anualidade 2023: 593.075,39 €.
- Anualidade 2024: 700.000,00 €.
Tamén se informa de que a “contía máxima das axudas que se van conceder será de 25.000,00 €, co límite do 80% do orzamento da actuación subvencionable”.
Entidades beneficiarias destas subvencións da Xunta
Recolle tamén o DOG que poderán ser “entidades beneficiarias destas subvencións as entidades deportivas inscritas no Rexistro de entidades deportivas de Galicia que, con carácter previo á resolución de concesión da axuda, teñan as súas instalacións inscritas no Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia consonte o establecido no Decreto 52/2022, do 28 de abril, polo que se crea e regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia”.
No Diario Oficial de Galicia recóllense todos os detalles destas subvencións tales como a forma e prazo de presentación de solicitudes, o prazo de presentación, a documentación a presentar, criterios de valoración.