O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, adxudicou un investimento de 400.000 euros en axudas destinadas ás entidades deportivas da cidade. Segundo informan desde o consistorio é “o importe máis elevado orzamentado polo Goberno municipal nos últimos anos, e que triplica os 120.000 euros que no ano 2019 se destinaron a este mesmo concepto”.
A convocatoria permitiulles ás distintas asociacións e clubs optar ás ditas axudas, que, segundo o tipo, oscilan entre os 4.000 e os 10.000 euros. A resolución definitiva publicouse no BOP e determinou a concesión de axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro, orientadas ao fomento e apoio á realización de actividades físicas e deportivas para levar a cabo durante o ano.
O Concello da Coruña “volve situarse do lado das entidades deportivas coruñesas ao incrementar a partida dedicada ao desenvolvemento das súas actividades e atendendo as necesidades particulares de cada unha”, apuntan desde o goberno local herculino. “Por cuarto ano consecutivo aumentamos a contía para o desenvolvemento de actividades deportivas na cidade, o que permite manter viva e activa a actividade de moitas asociacións e clubs”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
Manuel Vázquez: “Por cuarto ano consecutivo aumentamos a contía para o desenvolvemento de actividades deportivas na cidade, o que permite manter viva e activa a actividade de moitas asociacións e clubs”
O Concello atendeu, ademais, á diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol sala, balonmán, atletismo, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo ou tiro con arco, entre outros.
As diversas liñas de axudas do Concello da Coruña
As axudas ofrecidas polo Concello da Coruña varían segundo o tipo de actividade á que van destinadas.
Así, as de organización de actividades deportivas chegan aos 6.000 euros; as dedicadas a actividades físicas, federadas ou non, dirixidas a mellorar a capacidade física e o tempo de ocio, poden chegar ata 4.000 euros; as de organización de campamentos e campus infantís que axuden á conciliación da vida familiar, ata 6.000 euros; as destinadas a actividades diversas (foros, congresos, publicacións…) ata 4.000 euros; e as de organización de actividades extraordinarias (eventos deportivos) ata 10.000 euros.