Nesta xornada da Reto Iberdrola, o Dépor ABANCA recibe en Abegondo ao Levante Las Planas cun obxectivo: arrebatarlle o liderato na táboa clasificatoria. Con todo, o preparador branquiazul, Miguel Llorente, non considera o partido como definitorio, asegurando que “todo o que pase mañá vai ser positivo”.
En rolda de prensa, o adestrador asegurou que, como todas as semanas, as coruñesas prepararon o partido da fin de semana centrándose no seu propio xogo e non no do rival. “Contra Levante temos que ser 100% nós, que é o que mellor vai funcionar, polo que fixemos un repaso de todo o que nos caracteriza a modo de tarefas e de xogos para reforzar a nosa identidade”, explicou.
As branquiazuis poderían ser as novas líderes
Preguntado sobre a posibilidade de que as galegas rematen a xornada como líderes da táboa, Llorente expón que “pase o que pase é perfecto porque imos abrir ese filete e se está pouco feito sabemos o que temos que facer para que remate a final de tempada ben feito e se está ben cociñado xa sabemos que imos polo bo camiño”.
Con esta mentalidade, o equipo está con “cero presión, motísimas ganas. A xente está positiva. Estes partidos apetece xogalos, con moita motivación e ganas como todos os partidos”.
Un partido “vistoso” e non decisivo
Sobre o rival, Llorente afirma que “é un equipo moi guapo de ver. A min é dos equipos que máis me gusta como xoga, é moi atrevido e valente, eléctrico, con intercambios de posicións e mobilidade”. Por iso, explica que preparar un partido así é imposible xa que “non sabes o que te vas atopar”.
“Imos atopar un equipo moi divertido, alegre, rápido, vistoso, con moita calidade coas xogadoras de arriba e un equipo parecido ao noso. Vai ser un partido moi bonito de ver e desfrutar”, asegura o adestrador.
“Ao final creo que un dos maiores erros ante estos partidos é facelo especial porque non é especial. Eu digollo as mozas e están de acordo, saben que este partido non é especial. É verdade que vén o líder pero quedan 54 puntos en xogo”, incide Llorente. O preparador ve o duelo como “un partido máis, que vai ser vistoso e complicado, pero que non vai decidir o que vai pasar ata a fin de tempada”, engade.
O Dépor ABANCA, dono do balón
“Somos o Dépor e ser o Dépor non é calquera cousa. Queremos dar a entender que imos ser as donas dos partidos sempre ou que polo menos ímolo intentar, do minuto 1 ao 90”. Esta foi a consigna do partido ante o Racing, no que as herculinas venceron.
“Creo que se viu ese diía e nos plantamos ben pese as inclemencias do tempo. Creo que isto se viu desde o primeiro minuto, estivemos pausas das co balón e cando tivemos que crear ocasións as creamos desde a calma e desde a paciencia e non desde a rapidez e velocidade que leva a perder o balón e pode complicar a existencia”, apunta.
Mensaxe á afección
Para Llorente este será un dos partidos máis interesantes para o público que se vivirán en Abegondo esta tempada: “Creo que posiblemente, xunto co partido do Barça da primeira xornada, vai ser o partido mais vistoso que vexamos en Abegondo. Animo a todo o mundo a vir porque vai ser un partido bonito de ver polo que ofrecemos nós e polo que ofrecen elas”.
Polo de agora, o Levante Las Planas non coñece a derrota fóra de casa, pero Abegondo podería ser a súa primeira pedra. “Nós encatnadas de que sexa o primeiro partido que perden fóra da casa. A miña intención é que non deixemos ningún punto”.