A xornada 17ª da Primeira División do Fútbol Sala da RFEF tiña un prato forte, o derbi entre Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar (segundo e terceiro na táboa), pero a aparición de catro casos positivos en COVID-19 nas filas das conserveiras obriga a adiar un interesantísimo choque en todo o alto da elite do futsal estatal.
Si se xogarán o ENCE Marín Futsal vs Melilla Sport Capital Torreblanca FS (17:00 horas) e o Arriva AD Alcorcón FSF vs Ourense envialia (19:00 horas). En ambos os dous casos os cruces xóganse hoxe sábado 12 de febreiro. Live Vuvuzela transmitirá todos os partidos da categoría unha xornada máis.
Buscando rachar coa serie negativa en feudo propio
O ENCE Marín Futsal recibe na Raña ao Melilla Sport Capital Torreblanca FS e quere deixar atrás unha serie de malos resultados colleitados. As galegas suman xa catro xornadas consecutivas sen gañar. E iso pasa factura no ánimo dun conxunto que está sorprender pola boa actuación que está colleitando en termos xerais na súa tempada de debut na elite do fútbol sala estatal español.
Hai que remontarse á xornada 12ª disputada o 18 de decembro do pasado ano para atopar o último triunfo das de Marín. De camiño, derrotas e empates que están minando a súa confianza. A saber: Atlético Navalcarnero (5-1), CD Leganés (2-2), Universidad de Alicante (1-3) e STV Roldán FS (2-1). Na casa e ante un rival que sobre o papel ten un potencial parello, o ENCE Marín Futsal irá a por todas.
As xogadoras que adestra Raúl Jiménez teñen, ademais a ocasión de trepar na táboa. O Melilla é 9º con 21 puntos e elas son 10ª con 20. Branco e en botella. Un triunfo ten premio dobre nesta xornada: tres puntos e a ocasión de escalar na clasificación deixando atrás a un rival directo.
Manterá a súa serie positiva o Ourense na cancha da AD Alcorcón?
Hai que remontarse ata o 27 de novembro para atopar a última derrota do Ourense Envialia. Daquela, as futbolistas que adestra Gonzalo Iglesias Morenín caían ante o todopoderoso Atlético Navalcarnero (invicto aínda hoxe), na cancha das madrileñas por un marcador de 8-4. Desde aquela, so saben sumar.
Empates ou triunfos son os resultados que atesoran as galegas desde de ese momento no que meteron a directa e empazaron a sumar puntos e escalar posicións na clasificación. Naquela 9ª xornada eran décimas. Agora son quintas a dous puntos de entrar en postos de play-off.
Recapitulemos resultados: FSF Móstoles (3-3), Joventud D´Elx (3-0), Sala Zaragoza (1-5), Rayo Majadahonda AFAR 4 FSF (5-1), Poio Pescamar (1-3), Melilla Sport Capital Torreblanca FS (1-1).
Esta semana visitan a cancha do Arriva AD Alcorcón FSF (19:00 horas), oitavo con 22 puntos, tres menos que as galegas. A forza do lobo, a manda, viaxa a Madrid con toda a intención de non poñer final á súa serie de resultados positivos. Manterán as galegas esa serie de máis de dous meses sen perder? A resposta, en terras madrileñas esta mesma tarde ou a través de Live Vuvuzela se queredes seguilo en streaming. Deixámosvos aquí a ligazón para que non perdades detalle pese aos quilómetros de distancia.
Adiado o derbi do futsal galego entre Burela e Poio
O pavillón de Vista Alegre non poderá acoller a disputa dun partido que despertaba moito interese neste xornada. Primeiro por ser un duelo de rivalidade entre conxuntos galegos e logo por que, ademais, son dous equipos que se atopan na zona nobre da táboa clasificatoria da Primeira División do Fútbol Sala da RFEF. Pero catro positivos en COVID-19 nas filas do Poio Pescamar impide ás conserveiras que adestra Manu Cossío acudir á Mariña a medir forzas esta fin de semana co Pescados Rubén Burela.
O derbi irmandiño entre Poio e Burela terá que agardar. Se a COVID-19 non o impide, as Guerreiras Laranxas e as conserveiras terán ocasión de disputar senllos duelos de rivalidade galega a vindeira semana.
O calendario, antolladizo, puxo na xornada 18 (prevista para o sábado 19 de febreiro) os cruces: Poio Pescamar vs ENCE Marín Futsal e Ourense Envialia vs Pescados Rubén Burela. Así que a falta de derbi nesta xornada haberá duelo galego por partida dobre a vindeira semana.