Os resultados, non chegan. O Dépor ABANCA volveu sufrir unha derrota no campo do Espanyol, nunha viaxe na que as rapazas de Manu Sánchez buscaban sumar os primeiros puntos da tempada, fito que terá que agardar. O adestrador branquiazul amosouse tremendamente convencido hoxe en rolda de prensa: “Os resultados cambiarán, é o momento de ter tranquilidade”, asumiu.
“A derrota desta fin de semana foi moi dura porque fixo cousas moi ben para levarse os tres puntos de Barcelona. Fixemos dous goles fóra nun campo moi difícil, artificial e de dimensións moi pequenas, e xogamos tremendamente ben en moitos tramos do encontro”, subliñaba hoxe Manu Sánchez.
Un 3-2 fóra da casa é resultado de pelexa, de loita. Pero tamén de derrota, algo que non sentou ben no vestiario do Dépor. “Podedes imaxinarvos como están as rapazas. Fixemos dous goles, posicionámonos tremendamente ben no tapiz e aínda así temos que asimilar que marchamos de Barcelona con 0 puntos no peto”, sinalaba Manu Sánchez.
O adestrador de As Nosas deportivistas, ademais de destacar o gran papel das súas xogadoras no primeiro treito de tempada, tamén quixo facer unha chamada á calma. “Nestes momentos temos que analizar con relativa tranquilidade o acontecido, o equipo está comezando a funcionar ben e o que non está a acompañar son os resultados’, sentencia. Fixo tamén especial fincapé na fraxilidade do equipo en ambas áreas, unha cuestión ‘a corrixir” para poder acadar os resultados buscados e sumar, ao fin, os primeiros puntos.
A lei da ex-xogadora non inflúe nos resultados
Maya Yamamoto anotou esta fin de semana contra o seu ex-equipo dous goles coa cabeza, algo que ‘nos comentou no post partido non acadara nunca na súa carreira’, dicía o adestrador branquiazul. Trátase. como non, de cousas e inclusive curiosidades do deporte, ao que Manu Sánchez restaba importancia. “Nós estamos tremendamente ledos e ledas porque a todas as xogadoras que pasaron por Abegondo triunfen nas súas respectivas carreiras deportivas” e incidía na “boa relación que temos con elas a día de hoxe”.
Manu Sánchez fala de “Identidade Dépor”
Na rolda de prensa protagonizada polo adestrador branquiazul esta mañá en Abegondo, aludiu o camiño que se está a marcar o Dépor ABANCA de cara a futuros encontros. “Podemos modificar o esquema, os comportamentos, pero o tipo de xogadoras que temos é para desenvolver un tipo de xogo moi específico”, apunta. Esta identidade Dépor que, no momento en que se atope coa vitoria, permitirá encarar con gran soltura o que queda de tempada.
Parón pola Selección Española
Preguntóuselle a Manu Sánchez como valoraba estas dúas vindeiras semanas sen competición doméstica polos encontros de seleccións. O adestrador facía unha dobre lectura. Primeiramente, o equipo está medrando en xogo e precisamente o que necesita agora “é seguir competindo”, dicía. Por outra banda, de seguro que “virá ben este tempo para limpar a mente e arrincar con bó pe ante o noso próximo rival”, sinalaba Manu. “Prepararemos moi ben o seguinte encontro e a ver si por fin acadamos os primeiros puntos da tempada”, finalizou.