O Hockey Club Coruña Feminino (HCCF) informa de que ten conseguido ser elixido como organizador do “evento máis importante do hoquei feminino europeo”, a Final Four da WSE Champions League que terá lugar os días 27 e 28 de abril na cidade da Coruña.
O equipo herculino do Hockey Club Coruña Feminino (HCCF) clasificouse para a disputa desta final a catro europea e agora ten sido elixido pola World Skate Europe (WSE) como sede deste acontecemento deportivo de primeiro nivel europeo.
Desde o Hockey Club Coruña Feminino (HCCF) agradecen “á WSE, á Real Federación Española de Patinaje, á Federación Galega de Patinaxe, á confianza”, así como “ás institucións Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña o seu compromiso e apoio”. Tamén agradecen ás “empresas, tecido social e á afección o seu soporte durante toda a tempada e, sobre todo, ás xogadoras que son o centro deste proxecto e teñen rendido ao máximo nivel posible para acadar esta clasificación”, indican desde o HCCF nun comunicado.
O mellor hoquei a patíns feminino europeo estará rodando no Pazo dos Deportes de Riazor na última fin de semana de abril (sábado 27 e domingo 28), coa posibilidade de que o trofeo o levante un club galego que empezaba os seus primeiros pasos hai pouco máis dun ano.
Calendario da Final Four organizada polo HCCF
As semifinais da Final Four da WSE Champions League xogaranse no Pazo dos Deportes de Riazor e están fixadas para o sábado 27 de abril entre:
- CP Esneca Fraga vs Hockey Club Coruña Feminino (HCCF)
- CP Vila-Sana Coop D´Ivars vs Generali HC Palau Plegamans
A final xogarase o domingo 28 de abril, tamén en Riazor, entre os equipos gañadores das semifinais do sábado.