Despois da goleada sufrida ante o Barcelona FC, o Dépor ABANCA de Manu Sánchez volta a Abegondo con sede de vitoria. As branquiazuis xogarán como locais ante un dos peores equipos visitantes da competición, o Valencia CF.
As coruñesas continúan como casolistas, coa liña de salvación a seis puntos de distancia, pero motivadas para os seguintes encontros. “O equipo está ben, animado, sobre todo é consciente da realidade que temos e do que nos xogamos nos vindeiros partidos. E o máis importante, o equipo está comprometido coa situación e o obxectivo”, asegura o seu técnico.
Manu Sánchez: “O equipo está ben, animado, sobre todo é consciente da realidade que temos e do que nos xogamos nos vindeiros partidos”
Para este domingo, Sánchez disporá de practicamente a totalidade do seu plantel, con Gaby xa recuperada, e contando só coas baixas de Carolina, Kika e Noe Bermúdez.
A volta a casa
Para deixar o sabor da derrota en terras catalás atrás, as deportivistas non só contarán co factor Abegondo, senón que ademais sacarán forzas do anterior partido disputado en casa.
Na 25ª xornada, o Dépor ABANCA recibiu ao Real Madrid e, malia non gañar, as galegas fixeron un gran papel sobre o céspede. Para Sánchez, este duelo “é un espello no que mirarse. Poucos equipos son capaces de someter ao Madrid como fixemos en moitas fases do partido”.
Manu Sánchez: “Poucos equipos son capaces de someter ao Madrid como fixemos en moitoas fases do partido”
O adestrador destaca que as súas pupilas forzaron ao Real Madrid a recorrer a “pelotazos longos para facernos dano”, todo un mérito para as deportivistas. Ademais, con anterioridade xogáronse os encontros co Rayo Vallecano e o Logroño, dous partidos “interesantes”, que deixan ver unha traxectoria ascendente do equipo antes do parón e o partido co Barcelona.
Manu Sánchez: “A xente dirá que cun 9-0 estou tolo, pero o temos claro no vestiario e no grupo e penso que iso nos reforzou como equipo”
Sobre a goleada sufrida no Johan Cruyff, Sánchez declárase orgulloso das súas futbolistas. “Intentamos á nosa maneira e coas nosas limitacións ser valentes e facer certas cousas que con todos os problemas que levabábamos enriba e ante todo un Barcelona, penso que nos serviu para moito. A xente dirá que cun 9-0 estou tolo, pero o temos claro no vestiario e no grupo e penso que iso nos reforzou como equipo”, confesou.
O Valencia é mellor equipo do que demostran os números
Nesta nova xornada o rival será ben distinto. O Valencia chega a Abegondo na décima posición, unha clasificación que non se axusta ao nivel do equipo segundo Sánchez.
“É un rival moi ben traballado, gústame bastante, penso que non tivo a fortuna necesaria noutros partidos para ter unha clasificación máis axeitada ao que están a demostrar no campo”, recoñece o adestrador galego.
Coa permanencia practicamente asinada para as valencianas, o plantel viaxa á Coruña con tranquilidade, pero isto pode ser precisamente un problema para o Dépor ABANCA. Tal e como advirte Manu Sánchez, “no mundo do fútbol nunca sabes se esa tranquilidade vai ser boa ou non, porque precisamente fortalece esa seguridade e confianza no grupo”.

En liñas xerais, o adestrador considera que o Valencia conta nas súas filas con promesas do fútbol español, xogadoras “que teñen moito que dicir nesta Primeira Iberdrola durante os vindeiros anos”. Á súa vez, tamén teñen no seu plantel a xogadoras “contrastadas”, creando “unha mistura perfecta de veteranía e xuventude”.
Sánchez non atende ás estatísticas
Atendendo aos números, o rival do Dépor ABANCA para esta xornada non é un equipo que se adapte ben aos desprazamentos. Se das cifras nos fiasemos, estamos ate o peor equipo visitante da competición na Liga Iberdrola este curso 2020-21. O Valencia só foi quen de vencer nunha solitaria ocasión como visitante, pero isto non tranquiliza en absoluto ao técnico branquiazul. Manu Sánchez, non se fía.
“Son estatísticas e son moitos anos xa que levo nisto, e as vin romper tantas veces que xa non lle dou importancia. Non deixan de ser datos e non creo que teñan ningunha explicación”, apunta o adestrador das galegas.
Manu Sánchez: “Buscan saír xogando desde atrás, con boas combinacións no xogo interior para que o rival se peche dentro”
Para Sánchez, o principal é o estado e características do campo no que se xogue, xa que, como locais, as valencianas compiten en herba natural e un terreo amplo, favorecendo o seu estilo de xogo. “Buscan saír xogando desde atrás, con boas combinacións no xogo interior para que o rival se peche dentro e buscar esa amplitude fóra. Un campo como o seu ven moi ben para iso, como pode ser Abegondo tamén”, engade o preparador coruñés.

Múltiples plans de xogo para o conxunto deportivista
Pase o que pase, as deportivistas van ao encontro coas ideas claras e varios plans de xogo. “Se decidimos apretar arriba, elas son un equipo que o teñen moi ben estudado. Pasou na primeira volta, un partido no que iso fixémolo bastante ben, sobre todo a segunda parte, pero cada vez que conseguian superar a liña de presión facíannos moito dano”, recorda o adestrador galego.
Este domingo, segundo Manu Sánchez, “é un dia para estar concentradas, para ter moi claro o que queremos facer. Se decidimos apretar arriba estar atentas ao xogo interior, á saída de balón coa meta, que elas teñen moi ben traballado, e se decidimos esperar e buscar esas outras zonas coa recuperacion de balon estar moi concentradas niso”.
O guion ideal para as branquiazuis sería dominar a posesión “e que sexan elas as que pensen que facer cando temos nós o balón”. Para ver se sito se cumpre, haberá que agardar ata o domingo e ver as evolucións das xogadoras deportivistas sobre o tepe da Cidade Deportiva de Abegondo. As ches, non llo porán doado, pero como é sabido, As Nosas, non son das deportistas que baixan os brazos.