A concelleira de Comercio, Mercados e Barrios do Concello da Coruña, Diana Sobral, recibiu en María Pita á directiva, corpo técnico e xogadoras do Autos Cancela CV Zalaeta, único representante galego na competición Copa Princesa de voleibol que terá lugar na cidade herculina esta fin de semana.
A concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral Cabanas, recibiu en María Pita á directiva, corpo técnico e xogadoras do Autos Cancela CV Zalaeta, único representante galego que tomará parte, esta fin de semana, na disputa da Copa Princesa de voleibol feminino, competición que terá logar no pavillón polideportivo do Barrio das Flores.
Será a décimo sexta edición do torneo, que mide aos seis mellores conxuntos da Superliga Feminina 2 de voleibol cun aliciente moi especial para a cidade, xa que é a primeira vez na historia desta competición na que A Coruña é o fogar da cita, un dato posto en valor por Diana Sobral, que apuntou que, “unha vez máis, a cidade e as súas infraestruturas deportivas amosan estar máis que capacitadas para acoller grandes eventos como este, que pola súa dimensión tamén contribúen a concienciar á cidadanía sobre a importancia de impulsar a visibilidade do deporte feminino”.
O torneo da Copa Princesa, no que tamén toman parte os equipos MCR Premià de Dalt, Melilla Sport Capital, o Club Voleibol Barcelona, Cartagena Algar e Extremadura Arroyo, dará comezo este venres, día 6, coa primeira xornada da fase de grupos, que abrirán Premià e Melilla, ás 10.00 horas, no pavillón do Barrio das Flores. O conxunto coruñés do Autos Cancela CV Zalaeta, que adestra Jorge Barrero, sairá á pista de xogo ás 20.00 horas do venres, fronte ao Cartagena Algar.
A concelleira Diana Sobral trasladou os seus mellores desexos ao club presidido por Nicolau Santos. No acto de recepción ao Autos Cancela CV Zalaeta, ademais de Nicolau Santos e Jorge Barrero, tamén estiveron presentes José Díaz Fidalgo, presidente emérito e fundador da entidade; María Estrella Pérez Freire, vicepresidenta do club e directora do IES de Zalaeta; Emilio Salorio, asistente do adestrador do club; e Francisco Javier Díaz Martínez, en calidade de delegado federativo da Real Federación Española de Voleibol.