- A proba, que terá lugar o domingo 14 de novembro en Sada e na que participarán unha quincena de clubs procedentes de toda España.
- A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que o”encontro situará á nosa provincia na vangarda do deporte ao tratarse dunha modalidade de remo cunha enorme proxección de futuro entre os equipos galegos e que se converterá en disciplina olímpica en París 2024″.
- A competición será o colofón da Liga Nacional de Remo de Mar da Federación Española de Remo.
A ría de Sada acollerá o vindeiro sábado e domingo o Gran Premio Deputación da Coruña de Remo de Mar, no que participarán máis de cen remeiros e remeiras de quince clubs de toda España.A proba enmárcase na Semana Abanca e será o punto final da Liga Nacional de Remo de Mar da Federación Española de Remo.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, o presidente do Club Naútico de Sada, Enrique Tostado e o director da oficina de ABANCA en Sada, Javier Álvarez, presentaron esta mañá na sede provincial a competición que se celebrará no Concello de Sada.
Máis de 100 deportistas de toda España danse cita en Sada na fin de semana
A proba, na que participarán máis de cen deportistas procedentes de quince clubs de toda a península, contará coas modalidades de cadete, xuvenil, senior e máster, en categoría feminina e masculina, con distancias de 6.000 ou 3.000 metros.
A ría de Sada acollerá desde o venres os adestramentos oficiais, nos que participarán equipos andaluces, valencianos, vascos, cataláns,galegos e portugueses que chegan ao final da Liga Nacional, que ten rango de campionato Ibérico.
A “armada” galega estará composta por clubs de Noia, Ferrol, Mugardos, Muros, Tui, Cabo de Cruz (Boiro), Ares, Begondo e Vigo, que desprazará a Sada aos seus 20 mellores especialistas de ambos sexos co obxectivo de lograr o título da Liga, da que é líder destacado a falta deste evento de peche.
Outros clubs españois que participarán no evento son o Real Club Naútico de Torrevieja, o Club de Regatas de Alicante, o Linense de Cádiz, o Ur Kirolak de San Sebatián ou o Arkote Arraun Taldea de Vizcaia.
A competición disputarase o sábado e o domingo, cando a presidenta do remo español, Asunción Loriente, entregará o título de campión de Liga ao equipo gañador no paseo marítimo de Sada.
A Deputación promociona o Gran Premio cunha axuda de 22.792 euros con cargo á liña de subvencións dirixida ao impulso de grandes eventos deportivos na provincia.. A competición conta coa organización do Club Náutico de Sada e o apoio do Comité Organizador da Semana Abanca e da Federación Galega de Remo.
Cristina Capelán: “Sada será a capital do remo español”
A deputada provincial, Cristina Capelán, destacou na súa intervención que “Sada será a capital do remo español esta fin de semana cun encontro situará á nosa provincia na vangarda do deporte ao tratarse dunha modalidade de remo cunha enorme proxección de futuro entre os clubs galegos e que se convertirá en disciplina olímpica en París 2024″.
Cristina Capelán, deputada provincial de Deportes: “Trátase dunha modalidade de remo cunha enorme proxección de futuro entre os clubs galegos e que se convertirá en disciplina olímpica en París 2024”
A deputada provincial puxo en valor o compromiso do ente provincial con este deporte con encontros como “a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña, que é unha competición cunha gran tradición, xa que leva trinta anos celebrándose cada verán nas rías da provincia”.
Cristina Capelán tamén agradeceu no acto de presentación ao equipo organizador do encontro o traballo realizado e destacou o labor do Club Náutico de Sada “no impulso e posta en valor dos deportes náuticos”.
O presidente do Club Naútico de Sada, Enrique Tostado, destacou que na entidade sadense, tradicionalmente centrada na vela, “aceptamos o reto de organizar unha proba dunha modalidade deportiva que está experimento un gran crecemento” e mostrou a súa disposición a “seguir impulsando a afición do remo mar”.
Enrique Tostado, presidente do Club Náutico de Sada: “Aceptamos o reto de organizar unha proba dunha modalidade deportiva que está experimento un gran crecemento”
Tamén José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo, destacou a “gran proxección” coa que conta esta modalidade de remo. “O remo é o segundo deporte olímpico máis antigo despois do atletismo, e seguirá avanzando coa inclusión do remo mar como disciplina olímpica en París”, apuntou.
José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo: “O remo é o segundo deporte olímpico máis antigo despois do atletismo, e seguirá avanzando coa inclusión do remo mar como disciplina olímpica en París”,
Seijas subliñou tamén “o impacto deportivo e económico” que pode ter para Galicia a promoción do remo de mar, que ademáis ten o aliciente de que se disputa en temporada baixa, polo que instou a “non perder o tren” dunha disciplina deportiva que xa triunfa en moitos puntos de España e Europa.
O director de ABANCA en Sada, Javier Álvarez, destacou “o alto nivel dos participantes, especialmente os galegos” e o compromiso da entidade coa promoción do deporte de base e, en concreto, dos deportes marítimos que “son tradicionais e proxectan a imaxe de Galicia”.
Javier Álvarez, director de ABANCA en Sada destacou o compromiso da entidade á que represneta con deportes marítimos que: “son tradicionais e proxectan a imaxe de Galicia”
CONSULTA AQUÍ O DOSSIER INFORMATIVO DA SEMANA ABANCA REMO DE MAR CAMPEONATO IBERICO