A enseada do Orzán no Concello da Coruña foi o escenario esta fin de semana dunha das citas máis importantes do remo galego, a Bandeira Teresa Herrera. Unha competición na que participaron os 25 equipos que reman nas diferentes competicións da Liga Galega de Traiñeiras. Chapela-Wofco e Ares foron as embarcacións campioas en categorías feminina e masculina respectivamente.
A xornada do sábado foi clasificatoria, para seleccionar aos equipos que o domingo veríanse as caras na final, pero tamén serviu como unha nova xornada das ligas galegas.

Así, as primeiras en competir a modo contra reloxo foron as embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras Feminina, Trofeo Xuntan de Galicia. Por orde inverso á clasificación a primeira en saír a competir foi Castropol seguida de Puebla, Salgado Perillo, Cesantes- Cefycal, Rianxo, Mugardos A Cabana Ferrol e Chapela-Wofco.

As tres primeiras traiñeiras estiveron véndose as caras ao longo da tempada na mesma quenda, pero nas últimas regatas Perillo mostrou un punto máis de nivel. Así dende a primeira virada, as de Oleiros remaban en tempos máis próximos aos de Cesantes-Cefycal que as das asturianas e pobrenses. Mugardos – A Cabana Ferrol tamén superaban por pouco ás de Cesantes e Rianxo facía o mesmo cas do norte. O mellor tempo era para as líderes la liga, Chapela-Wofco.

Nos seguintes parciais a clasificación rompeuse pola parte de atrás, Puebla quedaba descolgada tras Castropol, as asturianas por detrás de Salgado Perillo e as de Oleiros por detrás de Cesantes- Cefycal. Por diante as de Cesantes intentaron achegarse ás de Ferrol, e Rianxo a Chapela, pero nada cambio nos últimos longos e Chapela-Wofco conseguiu unha nova vitoria na xornada que ademais de clasificala para a final do domingo permitíalle certificar o título de liga a falta dunha xornada.

Segunda foi Rianxo que se pon a tan só 1 punto de Mugardos-A Cabana Ferrol que foi terceira, cuarta Cesantes-Cefycal e quinta Salgado Perillo, conseguindo o pase para a final do domingo. Sexta foi Castropol e sétima Puebla.
Regatas clasificatorias da Liga B do Teresa Herrera
Trala categoría feminina saíu a competir a liga B. Neste caso, como última xornada da liga. Tamén por orde inversa á clasificación partiron Salgado Perillo, Riveira, Chapela-Wofco B, Amegrove, Mugardos A Cabana de Ferrol e Muros Esteirana. Salvo o tempo dos de Oleiros, a regata comezou igualada para esta categoría, con 5 barcos en 13 segundos, na cabeza os líderes da liga. A igualdade continuo nos seguintes longos pero só na zona media.
Muros Esteirana demostrou por que é o campión da liga e deixou sen opcións aos seus rivais, marcando un tempo que poría en moitos apuros aos equipos da liga A para clasificarse para a final do domingo. A seguinte en descolgarse da igualdade foi Mugardos a Cabana de Ferrol que nos dous últimos longos superou con claridade aos seus rivais. Amegrove finalmente quedou terceira, Chapela-Wofco cuarta e Riveira quinta. Salgado Perillo pechou a categoría.
Competición do sábado na Liga A de traiñeiras
Trala liga B, comezou a liga A en dúas quendas diferentes. Na primeira os seis últimos da clasificación e na segunda, o seis primeiros. A primeira en partir foi Samertolameu-Fandicosta que á súa vez foi a sorpresa da xornada, xa que dende o primeiro parcial mostrouse máis forte que Puebla, Narón e Cesantes Rodavigo, os tempos destas catros traiñeiras peores cos de Muros Esteirana, o que abría totalmente a clasificación para a final do día seguinte.
Nesta mesma quenda, Mecos e Rianxo mostrábanse máis fortes. O ritmo de Samertolameu foi tan bo que finalmente quedou por diante dos tres equipos citados, especialmente de Puebla, o seu rival directo ao que superou con claridade.
Entre ambas Narón e Cesantes loitaron polo cuarto posto da quenda que finalmente foi para os de Redondela. Iso sí, as catro traiñeiras quedaron por detrás da líder da liga B, o que certificaba a clasificación para a final de Muros Esteirana. Na batalla por diante, Mecos mostrouse máis forte que Rianxo e gañou a manga.
Sen apenas descanso, comezou a competición para a segunda quenda da liga A. Unha manga na que a primeira en saír foi Cabo. Os do Barbanza foron superados polos seus rivais con contundencia e os seus tempos achegábanse máis aos de Rianxo na quenda anterior.
Cunha sanción de 10 segundos por saír sen estacha, a clasificación púidoselle complicar aos de Boiro, pero nun gran último longo igualaron o tempo de Muros Esteirana, sen contar a sanción, e superaron ás catro últimas da primeira quenda con marxe a pesar da penalización.
Máis igualada estivo, como de costume, a batalla entre os cinco primeiros, que volveron a mostrar un gran nivel. Liderou dende o principio Bueu Simei con Ares segunda e moi preto con tempos similares Castropol, Tirán Pereira e Chapela-Wofco. Os da Maruxía lideraron en todo momento e foron ampliando a vantaxe cos seus rivais.
Só Ares aguantou o ritmo, pero finalmente a Maruxía fíxose coa vitoria da xornada. Preto de Ares entrou Castropol que superou por escasos segundos a Tirán Pereira. Os de Moaña tamén cunha diferencia mínima sobre Chapela-Wofco. Así o resultado clasificaba para a final do domingo ás 8 primeiras clasificadas da liga A, xunto coa duodécima Samertolameu-Fandicosta e a líder da liga B Muros – Esteira.
O domingo disputáronse as finais do Trofeo Teresa Herrera
Cun tempo máis soleado e ondas pequenas, a Bandeira Teresa Herrera reuniu ás cinco traiñeiras femininas e ás 10 masculinas clasificadas para as finais. Como é tradicional, a xornada inaugurouse cos equipos no mar coas pas en alto e o son da Salve Mariñeira como homenaxe á xente do mar.

Trala emotiva cerimonia de apertura, as traiñeiras femininas puxéronse en posición para comezar coa competición. Un espectáculo que tivo un nome claro Chapela-Wofco. As líderes da liga galega feminina mostraron en Coruña a súa mellor versión e realizaron unha gran regata na que superou con moita contundencia aos seus rivais.
Rianxo aguantou o ritmo da Arealonga no primeiro longo pero a partir do segundo, as remeiras de Chapela-Wofco remaron sen cesar ata certificar o seu obxectivo, campioas do Teresa Herrera. A pesar de aguantar o ritmo do comezo ás da Arealonga, e deixar atrás a Cesantes-Cefycal, as de Rianxo non tiveron sinxelo rematar segundas, xa que nos últimos compases as de Cesantes-Cefycal subiron o ritmo e se achegaron ás do Barbanza.

A Virxe da Guadalupe defendeu ben a posición e Rianxo quedou segunda. Terceiro posto para Cesantes-Cefycal, un gran resultado para unha traiñeira debutante que deixou moi atrás a Salgado Perillo e a Mugardos-A Cabana Ferrol.
As de Oleiros superaron por primeira vez na tempada ás de Ferrol, que non tiveron unha regata nada cómoda e obtiveron o peor resultado da tempada.
Regatas masculinas da xornada dominical na Coruña
Pechada a final feminina era o momento de comezar coas quendas masculinas pero as ondas foron protagonistas e afectaron ao campo de regatas, o que obrigou a disputar a final en contra reloxo. Así as 10 traiñeiras saíron a competir en orde inversa á clasificación do día anterior.
Dende a primeira virada, os tempos separaban aos equipos en dous bloques. Samertolameu, Cabo, Muros Esteirana, Rianxo e Mecos na parte traseira e por diante Chapela-Wofco, Tirán Pereira, Castropol, Ares e Bueu-Simei. Por detrás as tres embarcacións da Ría de Arousa e Muros Esteirana marcaban uns tempos similares mentres Samerolameu-Fandicosta quedaba máis rezagada.
Dentro desa igualdade, Rianxo era a que lideraba con escasos segundos de diferencia con respecto a Mecos, Cabo e Muros-Esteirana que marcaban practicamente os mesmos tempos. Rianxo mantívose firme e conseguiu certificar a sexta posición. Na batalla igualada Cabo conseguiu superar a Mecos e a Muros-Esteirana, pechou a clasificación Samertolameu-Fandicosta.
Por diante a que lideraba era Chapela-Wofco pero con Ares a tan só un segundo e a Bueu-Simei e Tirán-Pereira a 4 e 5 segundos respectivamente. Castropol caía a 10 por detrás. Na segunda referencia a que se puxo por diante foi Ares, pero coa Arealonga, agora, un segundo por detrás. Bueu-Simei aguantaba a 6 e Tirán-Pereira a 10. Castropol caía ata os 17 quedando case sen opcións.
No terceiro longo a situación volveu a dar un xiro cos de Chapela en primeira posición, tres segundos por diante de Ares e deixando a Bueu-Simei e a Tirán-Pereira a 13 e 14 segundos respectivamente. Estes tempos situaban a batalla final entre a Arealonga e a Santa Olalla. Seguindo a orde de saída a primeira en chegar foi Chapela-Wofco que freou o crono en 20:43.
As miradas pasaron nese momento a Ares coa sorpresa de ver como finalmente se achegaba ao final remontando os 3 segundos e superando con marxe ese tempo, finalizando en 20:35. Nese momento só quedaba por chegar Bueu Simei que a diferencia da gran regata do día anterior, vía como quedaba lonxe da vitoria ao superar o tempo de Ares, o de Chapela-Wofco e finalmente o de Tirán Pereira, quedando en cuarta posición. A quinta foi para Castropol que remou en tempos intermedios entre o grupo da cabeza os primeiros en saír.
🚣 Durante esta fin de semana a enseada do Orzán acolleu o Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras.
🏆 O concelleiro, Manuel Vázquez, participou na cerimonia de entrega de trofeos.
Parabéns aos campións da categoría masculina CR Ares, e da feminina CR Chapela- Wofco! 👏 pic.twitter.com/yFVMiZkmga
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) August 20, 2023
Unha vez finalizadas a regatas deste Trofeo Teresa Herrera procedeuse ao acto de entrega de bandeiras e de medallas. No parque do Matadero coa cidade da Coruña de fondo, Manuel Vázquez, concelleiro de deportes, Óscar Calero, secretario da Federación Galega de Remo, e Javier Rodríguez, presidente da Liga Galega de Traiñeiras, procederon a entregar os metais, os trofeos de cerámica Teresa Herrera es as prestixiosas bandeiras Teresa Herrera.