Novo éxito da haltera galega Irene Blanco Tarela nunha competición internacional. A deportista do Club Halterofilia Coruña, acadou dous bronces no Campionato de Europa Sub-23 para o que foi seleccionada pola Federación Española de Halterofilia.
A competición tivo lugar na localidade de Bucarest (Romanía) que acolleu tanto o Campionato de Europa junior como o Sub-23. Nos dous houbo representación galega e, máis en concreto, do Club Halterofilia Coruña. Se a pasada semana o protagonismo lle correspondía a Ruth Fuentefría, que acadou bronce en arrancada nos 45 quilos de peso corporal, desta volta é Irene Blanco Tarela a que acadou medallas no Europeo.
A haltera coruñesa Irene Blanco Tarela subiu dúas veces ao podio na competición Sub-23 en 87 quilos de peso corporal. Nas dúas ocasións o fixo no terceiro chanzo colgándose do pescozo a medalla de bronce.
A deportista galega, medallista nos pasados europeos e mundiais xuvenil e junior, tivo unha boa actuación na modalidade de arrancada. Conseguíu o cuarto lugar con 95 kg. Estivo por detrás da húngara Veronica Mityko (100 kilos), a rumana Alexandra Alexe e a armenia Liana Gyuryian, ambas con 96 quilos.
Os dous bronces de Irene Blanco
Na modalidade de dous tempos, a competición de Irene Blanco Tarela foi impecable. Sumou tres intentos válidos chegando a levantar 118 kg o que a situou no terceiro lugar e concedeulle a medalla de bronce. Tamén acadou o bronce Irene Blanco Tarela no Total Olímpico no que acumulou 213 kg.
No podio de dous tempos estivo no primeiro chanzo Gyuryian con 125kg, e no segundo Alexe, que obtivo a prata con 120 kg, logo viría a galega no terceiro lugar con 118 kg.
No que respecta ao Total Olímpico o ouro foi para Gyuryian (221 kg), a prata para Alexe (216 kg) e o bronce para Irene Blanco Tarela con 213 quilos.
Bronce en arrancada para a galega Ruth Fuentefría no Campionato de Europa Junior de halterofilia