Sendo complicado o triunfo ante o Gran Canaria Urbaser, o CV Arenal Emevé tívoo preto . As galegas acariñaron a fazaña. Pese a perder o primeiro set déronlle a volta ao partido e puxéronse 2-1. Sen embargo, as grancanarias reaccionaron e fixéronse cos dous últimos sets deixando o partido nun 2-3.
As xogadoras que adestra José Valle deron a cara a todo un Gran Canaria Urbaser ante o cal case dan a sorpresa. Non foi no primeiro set, no que precisamente sempre foron a remolque no marcador e remataron perdendo por 19-25 en 23 minutos. Pero nos dous seguintes, si deron conta do poderío do seu xogo poñendo o partido primeiro 1-1 ao gañar o segundo set 25-22 en 27 minutos, e logo 2-1.
Déronlle así a volta ao marcador as xogadoras do CV Arenal Emevé cun terceiro set que durou 26 e rematou cun tanteo de 25-21. Nesta manga as lucenses estiveron por debaixo no marcador pero non tiraron a toalla.
Xa no cuarto set as grancanarias puxeron toda a carne o asador e levárono por un 19-25 en 23 minutos. Menos lles levou finiquitar o cruce no quinto set no que se impuxeron por 6-15 ao CV Arenal Emevé en 11 minutos. Incontestables nesa fase do partido, as canarias tiveron nas galegas un óso duro de roer no segundo e terceiro set.
Pascual Saurín fala dun partido “emocionante” e pensa xa na Copa
O adestrador do equipo visitante, Pascual Saurín, sinalaba ao termo do partido que o cruce co CV Arenal Emevé tiña sido un “partido emocionante de cara ao espectador. Sabiamos que o íamos pasar mal, xa que o Emevé é un equipo difícil. Da gusto xogar aquí, pero sabiamos das dificultades que nos iamos atopar”.
Sobre o xogo das galegas, Saurín apuntaba que o CV Arenal Emevé “é un equipo que xoga ben, apreta moito, saca moi ben e defende moito. Todas esas cousas, suman”. Explicaba o adestrador das grancanarias que “nalgúns momentos, por falta de concentración deixamos de traballar e ao final págase”.
Na opinión do adestrador do Gran Canaria Urbaser o resultado do partido é para “estar contentas e seguir traballando para limar asperezas, xa que o noso xogo aínda non está a ser estable”.
Coa mirada posta na Copa da Raíña, que se vai disputar en breve en Lugo no Pazo dos Deportes que acollía precisamente o cruce entre galegas e canarias, explicaba Pascual Saurín que xa están preparando a competición “coido que vai ser un espectáculo bonito, no que se van ver grandes partidos neste pabellón, se va a poder ver un bo nivel, porque todos os equipos veñen con todas as opcións do mundo nunha Copa na que, estou convencido, que se poden dar sorpresas”, dixo.
Quinto posto na Liga Iberdrola para o CV Arenal Emevé
Logo da disputa desta 17ª xornada o CV Arenal Emevé vai quinto con 23 puntos, un máis que o sexto, o Avarca de Menorca e dous menos que as cuartas o DSV Sant Cugat.
O seguinte cruce das lucenses será coas sétimas, o Osacc Haro Rioja Vóley que ten 21 puntos. O cruce está fixado para o mércores 16 de febreiro ás 18:00 horas no Pavillón Polideportivo El Ferial.
Xa hai camiseta da Copa da Raíña
O CV Arenal Emevé presentou a camiseta oficial conmemorativa da celebración da Copa da Raíña de voleibol que se vai celebrar proximamente en terras luceses. Estiveron á venta no Pazo.

FICHA TÉCNICA:
2) CV ARENAL EMEVÉ: Inma Lavado, Yael Castiglione, Carolina Camino, Darlevis Mosquera, Jimena Gayoso e Marta Otero – sexteto inicial – Lidia Figueira e Eliana González (líberos). Tamén xogaron: Ainara Burgo, Julia Paradela e Sara Urrea.
3) GRAN CANARIA URBASER: Alejandra Álvarez, Sulian MAtienzo, Lucrecia Castellano, Natiele Gonçalves, Manzano e Lucía Varela – sexteto inicial – María Sánchez (líbero). Tamén xogaron: Ariadna Priante, Raquel Montoro e Helia González.
PARCIAIS: 19-25 (23′), 25-22 (27′), 25-21 (26′), 19-25 (23′ E 6-15 (11′).
ÁRBITROS: Rodríguez del Pozo e Sánchez.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 17ª xornada da Liga Iberdrola de Volei disputado no Pazo dos Deportes de Lugo. No pavillón podíanse adquirir as camisetas conmemorativas da Copa da Raíña.
Xa no Pavillón, presidindo o partido de #svmvb2021 .
NON QUEDES SEN ELA!!!
❤#CopaReinaVB #CopaRaiñaVB pic.twitter.com/25zrMzLtk8— Arenal Emevé (@cvemevelugo) February 5, 2022