O Concello de Cerceda acollía ao longo desta xornada de sábado a II Poseidon Race, unha carreira de obstáculos en suspensión que contou coa participación de 700 persoas chegadas de toda España, aproximadamente cento máis que na primeira edición.
Desde a organización da II Poseidon Race apuntaban que había representación das catro provincias galegas e de todas as comunidades do estado. As e os deportistas repartíronse nas diferentes categorías en disputa que eran elite, grupos de idade e populares que competían en equipos mixtos.
O percorrido constaba de 10 km 300 metros no caso dos elite e 9 quilómetros para a proba de populares e medio cento de probas de obstáculos a superar.
O campión estatal vence tamén na Poseidon Race
Segundo os resultados provisionais, o triunfo en categoría elite masculina correspondeu a Adriá Puig Martínez, actual campión de España desta modalidade. Puig vén de conseguir ese trofeo hai nada na proba VII Nacional de Carreras de Obstáculos OCRA (www.ocraesp.org ) que se celebraba en Zuasti (Pamplona).
Na II Poseidon Race de Cerceda o catalá Adriá Puig vencía cun tempo de 01:03:38. Acompañáronno no podio Rubén García Gómez cun crono de 1:03:41 e Daniel Osma Millán que invertiu 1:10:04 en completar o recorrido.
Jessica Velasco gana en Cerceda
Na categoría femina gañaba Jessica Velasco Ruiz, actual subcampioa de España, un mérito conseguido tamén no Campionato de España celebrado en Zuasti (Pamplona). Na II Poseidon Race celebrada no Concello de Cerceda neste ano 2023 Jessica Velasco impoñíase ás súas rivais parando o crono en 1:26:58.
En segundo lugar cruzaba a meta no Aquapark de Cerceda a deportista Fuencisla Vaquero Iglesias cun tempo de 01:49:47. Entrevistada pola organización explicaba que a proba galega era moi dura, incluso máis do que o fora o Campionato de España no que atinxe ás probas de suspensión. Fuencisla Vaquero tomou parte nesa cita.
De feito, segundo explicaba a organización a Poseidon Race, a proba de Cerceda é a que máis obstáculos ten de todas as que se celebran en España actualmente, concretamente conta un total de 50 obstáculos ao longo do seu percorrido. O campionato de España, por exemplo, foron 15 km e 40 obstáculos.
O terceiro lugar na categoría elite feminina na II Poseidon Race foi para Andrea Martínez Ramas que asinaba un tempo de 01:51:47.
O circuíto da Poseidon Race discorría na contorna do Aquapark de Cerceda e puido ser seguido por numeroso público que observaba curioso como as e os deportistas superaban retos e avanzaban ao seguinte obstáculo.
Un final de carreira pasado por auga
Nesta carreira de obstáculos en suspensión a última proba era case un premio ao esforzo xa que o derradeiro reto antes de cruzar a meta para as e os finishers era deslizarse polo tobogán do Aquapark de Cerceda e rematar a carreira cun refrescante chapuzón, é dicir, a remollo na piscina.
Logo da molladura, do outro lado da liña de meta agardáballes o tridente de Poseidon, unha medalla, froita e auga para repoñer forzas logo do enorme esforzo.
A competición celebrouse repartindo ás 700 persoas participantes en diferentes quendas. Dúas de competición (elite e grupos de idade) e seis de populares.
Consulta os resultados nestas ligazóns: