Logo do éxito da primeira parada do encontro do Torneo 5×5 Deputación da Coruña de Balonmán que se celebrou en Carballo á primeira fin de semana de febreiro, chégalle a quenda ao Concello de Cerceda (Campo da Feira da Silva),
En Carballo a cita foi un éxito, tanto de asistencia de público como de deportistas participantes nun evento deportivo que congregou na praza do concello da localidade a centos de seguidores durante os tres días de competición.
Os campións desta primeira proba foron os equipos Star e Makariños, integrados por pequenos e pequenas deportistas entre os 6 e os 11 anos. A deputada de Deportes, Cristina Capelán, foi a encargada de entregar as medallas aos gañadores.
A competición continuará esta fin de semana en Cerceda, logo chegará a Ferrol, Muros, Arzúa e Ribeira, e rematará cunha gran final en Camariñas, entre o 19 e o 21 de maio.
No caso do Concello de Cerceda, esta cita deportiva de base vaise desenvolver durante a tarde de hoxe venres, a xornada completa de sábado e a mañá do domingo, cando se entregarán os trofeos.
Balonmán na rúa para rapazada entre 6-11 anos
Trátase dun proxecto organizado para a rapazada de 6 a 11 anos, co que se busca fomentar a actividade física á vez que se promociona o balonmán dunha maneira moi particular, facéndoo máis visible fóra dos catro muros dun pavillón e nun formato que animará a moitas nenas e nenos a comezar a practicalo.
Na presentación da iniciativa Torneo 5×5 Deputación da Coruña de Balonmán, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, agradeceu a aposta da Deputación da Coruña por un proxecto que cualificou ante os medios como “novidoso e valente, que nos permite darlle visibilidade ao noso deporte escapando dos pavillóns e montando unha gran festa lúdica e deportiva en lugares emblemáticos de sete localidades da provincia”.
Este torneo 5×5 de balonmán de base e na rúa está promovido pola Deputación da Coruña e organizada pola Federación Galega de Balonmán. A cita deportiva leva esta disciplina ás rúas de sete concellos da provincia da Coruña, nun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que se achegarán ao deporte nunha modalidade de equipo como é o balonmán dunha forma lúdica e divertida.
24 equipos inscritos na cita do 5×5 de Cerceda
A competición deportiva que tará lugar no Concello de Cerceda, que comezará hoxe venres 10 de febreiro a partir das 16:30 horas. A cita contará con 24 equipos (12 na categoría benxamín e 12 alevín) e preto de 200 rapaces e rapazas, que van desfrutar do balonmán nun entorno diferente.
Os equipos inscritos xogarán nunha pista de mini – balonmán ao aire libre con bancadas habilitadas cunha capacidade para 250 persoas. Deste xeito as familias da rapazada participante, así como as persoas afeccionadas ao balonmán, poderán gozar vendo en acción aos máis pequenos / as.
A pista conta con marcador electrónico, megafonía e speaker. Ademais o domingo retransmitirase por streaming toda a xornada, na que se xogarán as semifinais e as finais.
O 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na rúa conta con sete probas clasificatorias que se disputan en Carballo, Cerceda, Ferrol, Muros, Arzúa e Ribeira. Logo haberá unha gran final, que está previsto que acolle o Concello de Camariñas. Nesta última quenda participarán dos seis equipos campións das probas anteriores a xeito de gran final do torneo.
Os equipos participantes neste 5×5 Deputación da Coruña de balonmán na rúa deberán ter un mínimo de 5 integrantes ademais dunha persoa responsable (maior de 16 anos). Todas as persoas participantes nesta competición recibirán unha equipación conmemorativa e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos / as os/as integrantes do equipo.
A Copa 5×5 Deputación da Coruña levará o balonmán ás rúas de sete concellos da provincia





















