As Nosas deportivistas regresan a xogar en Riazor. Será o 12 de novembro ás 17:00 horas recibindo ao Alavés. O último partido que disputaron as futbolistas que adestra Irene Ferreras nesta cancha foi o Trofeo Teresa Herrera.
O Dépor ABANCA xa coñece o horario do seu encontro da 8ª xornada da Primera Federación Iberdrola, a segunda categoría nacional, na que o conxunto branquiazul é líder cun pleno de 12 puntos nas 4 primeiras xornadas.
As Nosas deportivistas volven a ABANCA-RIAZOR, para disputar o partido que as medirá contra do Deportivo Alavés, que terá lugar o domingo 12 de novembro ás 17:00 horas.
Será o décimotercer encontro do Dépor ABANCA no Estadio ABANCA-RIAZOR, o sexto oficial despois de xogar na Copa de la Reina 2019-20 ante o Valencia CF (7-2), na máxima categoría nacional 2020-21 fronte a Sevilla FC (1-2) e Atlético de Madrid (1-8), na segunda división 2021-22 ante o DUX Logroño (0-0) e no playout dese mesmo curso contra a Real Unión de Tenerife (3-1).
Os outros 7 encontros corresponden ao Trofeo Teresa Herrera, que as branquiazuis venceron en 3 ocasións, precisamente a última ante o rival do próximo 12 de novembro, o Alavés.
Os horarios confirmados dos encontros do Dépor ABANCA son os seguintes:
- Xornada 5, domingo 15 de outubro, 11:00 horas, Ciudad Deportiva Dani Jarque: RCD Espanyol – Dépor ABANCA
- Xornada 6, sábado 21 de outubro, 12:00 horas, Abegondo: Dépor ABANCA – SE AEM
- Xornada 7, domingo 5 de novembro, 12:00 horas, Centro Deportivo Federativo Manuel Sánchez Delgado: CP Cacereño Femenino – Dépor ABANCA
- Xornada 8, domingo 12 de novembro, 17:00 horas, ABANCA-RIAZOR: Dépor ABANCA – Alavés