A maquinaria das Nosas estase engraxando para que cando a redonda comece a rodar todas as xogadoras estean listas para seguir as instruccións de Irene Ferreras. A técnica madrileña repite á fronte do banco do Dépor ABANCA por segundo curso consecutivo. O obxectivo repítese: ascender.
Segundo informa o club “o Dépor ABANCA púxose en marcha. As Nosas, divididas en grupos, pasaron á primeira hora da mañá as probas médicas no centro Quirónsalud A Coruña de ABANCA-RIAZOR a cargo dos doutores do RC Deportivo Alejandro Mejuto e Ramón Barral”.
Explican tamén desde o RC Deportivo que unha vez finalizados os exames médicos, as nosas deportivistas “trasladáronse á Cidade Deportiva para recibir a benvida a cargo do presidente Álvaro García, que estivo acompañado polos conselleiros Vicente Fernández e Carlos Ballesta; e posteriormente realizar as rutineiras valoracións funcionais no ximnasio”. O primeiro adestramento estaba previsto para hoxe, martes 25 Día de Galicia, a partir das 10:00 na Cidade Deportiva de Abegondo.
A lista de futbolistas coas que conta Irene Ferreras no Dépor ABANCA 2023-24 son as seguintes:
- Porteiras: Yohana Gómez, Lucía Alba e Martina Rivas (Dépor ABANCA B)
- Defensas: Inés Altamira, Raquel García, Cris Martínez, Samara Ortiz, Sara Debén, Paula Monteagudo, Clara Rodríguez, Elena Vázquez (Dépor ABANCA B) e Paula Novo (Dépor ABANCA B)
- Centrocampistas: Paula Gutiérrez, Henar Muiña, Ayaka Noguchi, Eva Dios, Lía Muiño, Carlota Sánchez e Carmen Carballada (Dépor ABANCA B)
- Dianteiras: Ainhoa Marín, Marta Charle, Millene Cabral, Laurina Gutiérrez, Ana de Teresa e Noela Sánchez (Dépor ABANCA B)
O corpo técnico está integrado polas seguintes persoas:
- Irene Ferreras, adestradora
- Enrique Machado, segundo adestrador
- Manuel Posse, preparador físico
- Juan Carlos Aguiar, preparador de porteiras
- César Conde, delegado e analista
- Alejandro Mejuto, médico
- Ramón Barral, médico
- Pablo Carrascosa, fisioterapeuta
- Alejandro Santiso, nutricionista
Media ducia de partidos de pretempada para As Nosas que arrincan co Teresa Herrera
A primeira cita do Dépor ABANCA será o sábado 5 de agosto en ABANCA-RIAZOR con motivo da XI edición do Trofeo Teresa Herrera. Logo virán cinco citas máis. En concreto, o calendario de encontros de pretempada das Nosas neste verán 2023 está fixado deste xeito:
- Sábado 5 de agosto, XI Trofeo Teresa Herrera (ABANCA-RIAZOR), 17:00: Deportivo ABANCA – Deportivo Alavés Gloriosas.
- Sábado 12 de agosto, Amigable (Cidade Deportiva de Abegondo), 17:30: Deportivo ABANCA – SC Braga, horario por determinar.
- Venres 18 de agosto, Amigable (Guimarães): campo, horario e rival por determinar.
- Martes 22 de agosto, Amigable (San Claudio, Oviedo), 17:00: Real Oviedo – Deportivo ABANCA
- Sábado 26 (ou domingo 27) de agosto, Amigable: Deportivo ABANCA – SD Eibar, campo e hora por definir.
- Sábado 2 de setembro, Amigable: Deportivo ABANCA – Athletic Club B, campo e hora por definir.