O Concello da Coruña acometerá nas vindeiras semanas os traballos de renovación do céspede artificial da pista de fútbol Cruyff Court, unha das principais dotacións deportivas do barrio de Novo Mesoiro.
Esta instalación, de uso público, abriuse ao uso e gozo da cidadanía hai máis de dez anos, na contorna do pavillón polideportivo municipal situado na rúa dos Ancares. Cofinanciouse no seu momento polo Concello da Coruña e a Fundación Johan Cruyff, impulsores dun proxecto que, desde os seus inicios, tamén abriu camiño á posta en marcha de competicións de fútbol base e campionatos en modalidades como o fútbol 6×6, por exemplo.
Agora, o Concello da Coruña dá continuidade ao seu plan de renovación das infraestruturas deportivas da Coruña coa substitución do tapete de herba artificial da Cruyff Court, unha instalación inspirada nos primeiros campos construídos pola Fundación Johan Cruyff no ano 2003, nos Países Baixos.
A empresa encargada dos traballos ten previsto iniciar este luns 4 de marzo unha serie de traballos de acopio e fabricación que se prolongarán tres semanas. Xa a continuación, procederase á retirada do céspede artificial xa existente e instalación do novo, unhas tarefas que terán unha duración aproximada de outras dúas semanas e incluirán a colocación do novo manto de céspede artificial, cunha altura de 40 mm.
“O obxectivo é mellorar unha instalación deportiva fundamental no día a día da rapazada de Novo Mesoiro. E incidir, ademais, na importancia de fomentar hábitos saudables desde idades temperás, facendo fincapé na promoción de valores esenciais no deporte, como o traballo en equipo, a integración e a responsabilidade”, destacou o concelleiro de Deportes coruñés, Manuel Vázquez.
O Cruyff Court, un campo de herba artificial en Novo Mesoiro
As dimensións do campo de xogo son de 42×28 metros, superficie de herba artificial que será substituída ante a erosión experimentada co paso do tempo, polo uso habitual da instalación, de acceso libre e empregada por centos de rapaces e rapazas do barrio de Novo Mesoiro.
O investimento previsto polo Concello da Coruña nesta actuación é de máis de 44.000 euros