Este domingo a partir das 10.00 horas terá lugar unha nova edición da Carreira da Muller, que reunirá a máis de 5.000 participantes nunha mañá chea de actividades. A proba contará cun percorrido de 6,5 quilómetros e terá saída e meta xunto á explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, no Paseo Marítimo.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a proba, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. “A Coruña é unha cidade comprometida e chea de mulleres valentes que loitan por moi distintas causas”, sinalou a rexedora.
Tras a proba, todas as mulleres poderán sumarse ao festival de fitness e aeróbic dunha hora de duración no aparcadoiro de Riazor, cos monitores de Termaria Casa da Auga, Ballet Fit e Zumba.
Antes da saída, a ‘marea rosa’ renderalle homenaxe ás xogadoras do Deportivo da Coruña feminino, coincidindo coa creación este ano da boneca futbolista dentro do proxecto #MásQueUnaMuñeca de merchandising social, que son bonecas cosidas a man por mulleres vítimas de trata e explotación a través do obradoiro prelaboral do Proxecto Esperanza e Wanawake Mujer. Na presentación desta edición da Carreira da Muller na Coruña estivo Irene Ferreras, adestradora do Dépor ABANCA.
Trátase da sexta cita na Coruña do circuíto estatal do maior evento deportivo feminino en Europa, tras as probas de Gran Canaria, Valencia, Madrid, Victoria e Gijón antes da parada estival. O seu obxectivo é incorporar masivamente a muller á práctica deportiva unindo solidariedade e loita contra o cancro de mama, e reivindicando o papel das mulleres e das deportistas na sociedade.
Ademais, haberá animación da man de DJ Javito na zona de meta, e actividades como Aerotono, Zoa, BalletFit, e unha sesión de “Latino”. De novo, haberá unha exposición onde as rexistradas poderán recoller a camiseta oficial e o dorsal, e terá lugar este venres 22 de setembro de 16.00 a 20.00 horas, e mañá, sábado 23, 10.00 a 14.00, e de 16.00 a 20.00 horas en Palexco.
A Carreira da Muller, unha cita solidaria
O lado solidario é moi importante para a Carreira da Muller, e a final de ano realizarase unha achega final do circuíto á Asociación Española Contra o Cancro de 75.000 euros. Como novidade este ano ao facer a inscrición tamén se dá a opción de doarlles directamente a cantidade extra que se queira e seguirase apoiando economicamente a tres fundacións centradas en protexer as mulleres en distintos ámbitos: Wanawake Mujer, Fundación GEICAM e Clara Campoamor.
Ademais, na Coruña hai a posibilidade de adquirir ata 50 dorsais 100% solidarios a favor da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia ACADAR, unha entidade que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade. Outro dos patrocinadores, Zurich Seguros, achegará un euro por cada muller que cruce a meta a favor de ACADAR.
No caso desta cita galega de setembro, as participantes tamén poden colaborar, dentro da campaña +SOLIDARIAS, coa Fundación REDMADRE de apoio a mulleres embarazadas (redmadre.es). A Carreira da Muller tamén axuda a visibilizar a loita contra a violencia de xénero. Todas as participantes levarán o mesmo dorsal, o 016, o número de atención telefónico de atención a vítimas da violencia de xénero, e que non deixa ningunha pegada na factura telefónica.
Neste 2023 a Asociación Española de Cancro de Mama Metastásico tamén está presente en todas as cidades onde se desenvolve a Carreira da Muller. O movemento #laMquefalta, chama á acción a cidadáns, empresas e institucións para visibilizar o estadio metastásico do cancro de mama e concienciar a sociedade sobre esta enfermidade. Con este movemento quérese incidir especialmente nas súas características, como abordalo e as necesidades dos pacientes con cancro de mama metastásico que afecta cada ano a máis persoas.