A Coruña acolleu o Campionato de Europa de Clubs de Fútbol Gaélico, o chamado Pan-Europeo, o torneo máis prestixioso de Gaelic Games Europe (Federación Europea de Xogos Gaélicos) e que reúne aos mellores clubs da Europa Continental nunha competición que ten máis de 20 anos de historia e que nesta ocasión reuniu a más de 400 na Cidade Deportiva da Torre, na Coruña. Como é habitual neste tipo de campionatos, competiuse tanto en modalidade masculina e feminina, ambas divididas en varías categorías ou divisións.
A competición feminina deste Campionato de Europa de Clubs de Fútbol Gaélico estruturouse en tres divisións. Na Primeira División, Belgium GAA impúxose a Varsovia por 11-7, proclamándose como auténticas supercampioas de Europa ao supor o seu décimo terceiro título e repetindo o éxito de Viena 2019 (este campionato foi suspendido nos anos 2020 e 2021).
As belgas, ademais, fixéronse tamén co título de Segunda División ao vencer o seu filial a París GAA. Completaron o cadro de honra as xogadoras de Nantes, que acadaron o título de Terceira División contra Jersey.
Madrid Harps, campión na máxima categoría masculina deste Europeo de Clubs
Pola súa parte a competición masculina do Campionato de Europa de Clubs de Fútbol Gaélico contou con catro divisións. Madrid Harps acadaron o título de Primeira División logo de derrotar a Varsovia por 7-4, conseguindo o seu segundo título na historia e, ao igual que as belgas, repetindo o éxito de Viena 2019.
O título de Segunda División foi a parar a Nantes, que se impuxo na final contra os anfitrións Fillos de Breogán.
A comitiva galega levantaría o título de Terceira División da man de Irmandinhos A Estrada, que se impuxo a Brest. Pechando o cadro final, Jersey conquistou o título de Cuarta División ante Auriense.
O fútbol gaélico galego estivo amplamente representado neste Europeo
Galicia tivo unha ampla representación neste Europeo. No eido feminino, o Estrela Vermelha e a amalgama Turonia/Independiente competiron na Primeira División. O combinado caería na fase de grupos (finalizando en quinta posición), mentres que as compostelás avanzarían ata as semifinais, onde caerían ante Varsovia e acabarían finalmente cuartas.
A Segunda e Terceira división, que contaron cunha fase de grupos común, contaría co retorno das Irmandinhas A Estrada (terceira posición da Terceira División), así como coa presenza do combinado Auriense/Herdeiras de Dhais e Fillas, que acabarían desputándose o terceiro e cuarto postos da Segunda División, caendo do lado das locais.
No eido masculino, os galegos contamos con representación en todas as divisións agás a Primeira. A Segunda División contou cunha ampla representación: Fillos de Breogán acadou o subcampionato logo de superar en semifinais ao Estrela Vermelha (á postre terceiro), que á súa vez deixou atrás na fase de grupos ao Keltoi Vigo (á postre quinto clasificado).
Irmandinhos A Estrada acadou o título de Terceira División, mentres que Turonia GFG finalizaron terceiros. Auriense faríase co subcampionato da Cuarta División, mentres que a amalgama de noveis de Lume de Beltane (Poio) e Independiente (Vigo) caían na fase de grupos pero con grandes sensacións logo de debutar en todo unha cita europea.
Os encontros disputáronse deste Campionato de Europa de Clubs de Fútbol Gaélico na Cidade Deportiva da Torre – Campos de Fútbol Arsenio Iglesias e en San Pedro de Visma, trasladándose as finais ao campo de Elviña, que foron retransmitidas en directo pola TVG.
A entrega de trofeos correu a cargo de Larry McCarthy, presidente de GAA; Micheal Naughton, presidente de LGFA; Paula Molloy, vicembaixadora de Irlanda en España; Fernando Blanco, vicepresidente do Consello Municipal do Deporte; John Murphy, presidente de GGE; e Silvia Cancela, voceira da Real Federación Galega de Fútbol, segundo informa a Futgal.