Traballado triunfo do Ourense Envialia diante do penúltimo, o Atlético Torcal, por 4-0. O partido non tivo goles ata a segunda metade, así que as xogadoras que adestra Morenín non o tiveron tan doado como podería parecer sobre o papel, antes do choque, ou mirando o resultado, despois da disputa do mesmo.
Dominou o encontro o conxunto galego xa deste o seu nacemento pero o Atlético Torcal xa avisou axiña que non tiraba a toalla en terras ourensás. Ben colocadas na pista, exquisitas en defensa e sabendo recoller a roupa cando se ían ao ataque e perdían a posesión, as visitantes resultaron un oso máis duro de roer do previsto.
O primeiro gol chegaría das botas de Iria Saeta no minuto 1-0. A mesma futbolista volvería anotar no 31 o 2-0. Ao pouco sumaría o 3-0 Robina a pase de Jenny Lores.
Non lle quedou outra ao Atlético Torcal que tirar de xogo de cinco para intentar superar ao Ourense Envialia. Así o fixo. Como é habitual optar por contar con porteira-xogadora supón desguarnecer a meta propia e correr riscos. Judith soubo aproveitar a portaría vacía cando colleu un balón en cancha propia e tirou a portaría. O seu disparo colouse entre os tres paus e supuxo o 4-0 definitivo que subía ao marcador no minuto 36.
FICHA TÉCNICA
4) OURENSE ENVIALIA: Elisa Robles; Laura Uña, Jenny Lores, Chiky e Robinha – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Judith, Sara Moreno, Iria Saeta, María e María Arias.
0) ATLÉTICO TORCAL: Valeria; Ceci, Ale, Eva e Alves – quinteto inicial -. Tamén xogaron: María, Carmen, Nuria, Raquel, Pam e Noe (p.s.)
GOLES: 1-0, min. 24 Iria Saeta. 2-0, min. 31 Iria Saeta. 3-0, min. 32 Robina. 4-0, min 36 Judith.
EQUIPO ARBITRAL: Colexiados, José manuel Carreira Romero e Jorge Otero Mira. Sen amonestacións.
INCIDENCIAS: Partido aprazado da xornada 20 da Primeira División do FSF da RFEF disputado no pavillón dos Remedios en Ourense.