Non hai nada como o sabor dun merecidos tres puntos. O HC Deportivo Liceo que adestra Stanis García logrounos na pista do CP Las Rozas despois dun partido no que ofreceu un maior nivel que o seu rival. Suma así un total de sete, útiles para continuar na zona cómoda da OK Liga Feminina.
Aínda así, o comezo do choque non se caracterizou polas emocións fortes. Pasaron dez minutos ata que Bea Gaete decidiu romper a monotonía co 0-1, despois de aproveitar un xenial pase de Alba Garrote. Posteriormente apareceu Viki Caretta, protagonista doutro gran partido, para deter a Galeassi e Wally unha dobre ocasión de 1-1.
Viki Caretta, un seguro de vida na meta do Liceo
A exhibición da gardameta italiana do HC Deportivo Liceo, un auténtico seguro de vida, continuou no segundo acto con outra intervención ante Galeassi. Aproveitou o favor Adriana Soto, de novo goleadora, para aumentar a vantaxe cun disparo potente desde o punto da directa.
A partir dese momento, control total da situación. A tranquilidade do resultado e a boa imaxe xeral do Liceo favoreceu a chegada do 0-3 grazas a unha xogada luxosa de Alba Garrote. Marca da casa. O CP Las Rozas só apareceu cando xa era tarde. Anotou o 1-3 mediante Mónica Villaro nunha xogada embarullada, pero María Sanjurjo (co rival xa envorcado) aproveitou un man a man contra Notario para establecer o 1-4 definitivo.
Foi este da sexta xornada un triunfo con bo sabor que non deberá desconcentrar ao cadro que prepara o técnico asturiano Stanis García. O vindeiro sábado 11 (20:30h) o conxunto liceísta visitará ao CP Mataró.
Ao final do partido, antes de pór rumbo á Coruña de volta, o técnico das galegas, Stanis García, salientaba o frío que pasou o equipo herculino na pista do CP Las Rozas. “Temos a moral polos aires, fundamental para afrontar unha semana tan dura con tanto partido e tanto desprazamento”.
Na súa lectura do partido, Stanis García explicaba que o cruce en terras madrileñas: “Foi un partido moi duro pero sacamos tres puntos valiosos que nos poñen de novo na senda do triunfo para coller moral e traballar máis cómodas. Na primeira parte estivemos máis bloqueadas de ideas. Xeramos menos espazos dos buscados. Pero na segunda estivemos mellor, con máis orde, co equipo máis estruturado, iso deunos máis espazos e coa calidade que temos iso pode traducirse en goles”.
O míster @Stanis06 envíanos unha crónica da vitoria desde a xeada Las Rozas (coa participación especial de @msanjurjo_9 e compañía).#OKLigaF #LasRozasLiceo pic.twitter.com/tyZ3XbQlvf
— Hockey Club Liceo Feminino (@HCLiceoFem) December 8, 2021
FICHA TÉCNICA
1) CP LAS ROZAS: Nerea Notario; Giulia Galeassi, Ana Horche, Elena Arganda e Mónica Villaro – quinteto inicial – . Tamén xogaron: Ana Asensi, Elena Wally, Anna Carranza e Alicia Abad.
4) HC DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote e Adriana Soto – quinteto inicial – . Tamén xogaron: Naiara Vaamonde, Lara Yáñez, Luchy Paz e Lucía Yáñez.
ÁRBITRO: Alberto Pérez Pérez. Sen cartóns.
GOLES: 0-1 (Bea Gaete, min. 10). 0-2 (Adriana Soto, min. 32). 0-3 (Alba Garrote, min. 37). 1-3 (Mónica Villaro, min. 49). 1-4 (María Sanjurjo, min. 50).
INCIDENCIAS: Xornada 6 da OK Liga Femenina 2021/22 disputada no Centro de Patinaje de Las Rozas (Madrid).