- Este venres e sábado, 29 e 30 de setembro, celébrase na Coruña unha nova edición do Rallye Rías Altas de vehículos históricos.
- O Concello da Coruña colabora coa organización desta proba, que partirá desde a praza de María Pita.
Nesta edición está prevista a participación de case cen vehículos e 250 persoas. O programa do rallye comezará ás 9.00 horas deste sábado, coas verificacións técnicas aos vehículos que se farán nun punto móbil habilitado no Parrote. Desde alí, os participantes desprazaranse a María Pita, onde estará o parque pechado desde onde partirán os coches á súa primeira etapa, en Betanzos.
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade da Coruña, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presidirán a saída da proba desde a praza, que se producirá ás 16.00 horas. O rallye percorrerá diferentes municipios da área coruñesa durante o venres e o sábado e un total de 52 quilómetros.
O sábado está prevista a finalización da competición para as 15.00 horas, cando chegaría o primeiro vehículo á praza de María Pita. A entrega de trofeos, na que participarán Gonzalo Catro e Manuel Vázquez, será ás 16.00 horas. O Concello da Coruña salienta a súa aposta “por eventos deportivos singulares como este Rallye Rías Altas, que naceu no ano 2015 e é puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos”.