O Arxil confía na súa capitá María Lago para tela á fronte do equipo un ano máis, e van dez. Despois de chegar a un acordo coa directiva, a xogadora de Porriño renova por un ano máis coa entidade verde. Tras a última tempada converteuse nunha das xogadoras máis decisivas baixo as ordes de Maite Méndez. Asinou 225 puntos, 112 rebotes, 77asistencias e 63 roubos de balón nesta tempada pasada, que lle valeron para alcanzar unha valoración 235.
En media por partido anotou 10,7 puntos; 3,7 asistencias e 3 roubos de balón, cunha valoración de 11,7 por partido.
“Hai 10 anos que cheguei a Pontevedra para estudar e desde o primeiro día, tanto Maite como San, fixeron todo o posible para que me sentise como na casa”, comenta Lago, e que está a desexar volver xogar ante a afección do Arxil, prometendo loita e pelexa en cada momento do partido. Esa vinculación tan próxima co equipo fai que María Lago siga levando a camiseta verde de capitá por terceiro ano xunto a Carla. Forma xunto a Cristina Díaz- Pache e Carla Fernández o trio de veteranas e capitás do Arxil.
María Lago, xogadora e capitá do Arxil: “Hai 10 anos que cheguei a Pontevedra para estudar e desde o primeiro día, tanto Maite como San, fixeron todo o posible para que me sentise como na casa”.
A tempada pasada foi moi dura para o Arxil xa que a lesión de Natalia e diversas razóns, levaron ao á entidade verde a cumprir o obxectivo con máis apuros dos desexados. Este ano a incorporación de Noelia, Bineta e o regreso de Natalia poden axudar moito a unha plantilla que se coñece moito entre sí e, se é capaz de aprender dos erros cometidos e respetan as lesións, de seguro que estarán pelexando con todos os equipos.