Este domingo tivo lugar unha nova edición da Carreira da Muller, na Coruña na que correron máis de 5.000 participantes. Foi unha mañá chea de actividades, que tiveron o seu punto de encontro na explanada do Palacio dos Deportes, desde onde partiu a proba. A concelleira de Turismo do Concello da Coruña, Diana Cabanas, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregaron os premios ás persoas gañadoras.

Ademais da carreira, as participantes puideron participar nun festival de fitness e aeróbic. Esta edición rendeulle homenaxe ás xogadoras do Deportivo ABANCA. Ademais, puxéronse á venda 50 dorsais solidarios a favor da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR). A recadación do circuíto será destinada á Asociación Española contra o Cancro.

O dorsal 016, na Carreira da Muller
A Coruña é unha das poucas cidades que contan con esta proba no país. O obxectivo da Carreira da Muller é incorporar masivamente a muller á práctica deportiva unindo solidariedade e loita contra o cancro de mama, e reivindicando o papel das mulleres e das deportistas na sociedade. Ademais, todas as participantes luciron o dorsal 016, número de atención contra a violencia machista.
O Concello da Coruña apoia e promociona este evento, un dos de maior éxito entre as carreiras populares da cidade, polo seu carácter reivindicativo e solidario. A contorna de Riazor luciu un grande ambiente, con música e diversas actividades organizadas por patrocinadores e colaboradores.