- Cristina del Llano, pertencente a “La vieja escuela by After surf” da Coruña, acudirá ao Mundial como titular mentres que Daniela Alonso, do club Dacss de Nigrán (Pontevedra), farao como suplente.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu a Cristina del Llano e Daniela Alonso, dúas deportistas do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf que veñen se ser convocadas pola Federación Española de Surfing para o ISA World Junior Surfing Championship que terá lugar en El Salvador do 3 ao 12 de maio, concretamente na categoría sub 16.
Ambas as dúas surfistas, a Cristina del Llano e Daniela Alonso, pertencen ao Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que a federación galega desenvolve en Nigrán da man da Xunta de Galicia.
“O NADE de surf contribúe a identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma e traballar nas futuras metas dun deporte que xa é olímpico dende os pasados Xogos de Toquío da man do seu coordinador Coque Araújo. ‘Calidade Surfing’ representa o interese estratéxico do surf galego, encamiñado á participación dos deportistas galegos en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel”, explican desde a Secretaría Xeral para o Deporte.
O mandatario galego destacou a importancia desta convocatoria porque reflicte á perfección o traballo que se está a realizar no Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE), inaugurado pola Xunta en marzo de 2022 e que supón unha actuación estratéxica xa que o surf é olímpico dende os últimos Xogos de Toquío 2020.
Neste sentido, Lete Lasa subliñou o excelente estado de saúde do surf en Galicia, nomeadamente nas idades máis temperás, xa que o 63% de todas as licenzas federativas -1.328 sobre 2.116- son de rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
Ademais, destacou que a de surf é unha das federacións con maior igualdade cun 43% de mulleres. Cómpre salientar que é a primeira vez que un deportista galego acude a un mundial na modalidade olímpica de surf desde que o fixera Gony Zubizarreta no ano 2018.