O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do LV Campionato de España de Karate Sénior e XI Campionato de España de Para-Karate que terá lugar do 5 ao 7 de abril no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
O mandatario galego destacou a capitalidade galega como escenario dos mellores eventos deportivos e lembrou que este campionato nacional no que participarán 468 deportistas de toda España será a antesala da mellor competición desta disciplina do mundo en categorías inferiores, que se celebrará na Coruña por segundo ano consecutivo no mes de maio con 3.000 deportistas de 70 países.
José Ramón Lete Lasa aplaudiu que o campionato nacional de para-karate se celebre de xeito paralelo ao campionato estatal sénior, un feito que se leva producindo dende os inicios do campionato para os deportistas con discapacidade en 2014. Neste sentido lembrou a unha figura do para-karate galego como Cristy Shedimar que xa gañou esta competición estatal (en discapacidade visual) en 2008, 2020 e 2021 e que ademais foi campioa de Europa en 2019.
José Ramón Lete Lasa puxo o acento nos 18 deportistas da delegación galega que participarán en ambos os dous campionatos e desexoulles a mellor das sortes destacando a participación de Ruth Lorenzo ou Xavier Santos, actuais subcampións de España ou de Eva Rodríguez que hai unhas semanas convertíase na primeira karateka galega en disputar unha final nunha proba do circuíto mundial absoluto.
O secretario xeral para o Deporte destacou a aposta que fai Galicia pola tecnificación galega que se reflicte nestes resultados. Así, ademais dos cinco anos que esta disciplina estivo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (2008-2023) coincidindo co seu ciclo olímpico, subliñou a importancia de que agora conte cun Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega que está a funcionar dende inicios de ano en Compostela.