A mundialista galega Belén Toimil, do Playas de Castellón, acadou o seu ansiado primeiro título nacional nos Campionatos de España Absolutos de Atletismo. Pola súa parte a marchadora Antía Chamosa, da Sociedad Gimnástica Pontevedra, foi ouro nos 10.000 metros marcha con nove minutos de vantaxe sobre a segunda atleta.
Nesta proba ao aire libre que chegaba a súa edición número 100, o atletismo galego feminino acadaría ademais dúas pratas da man da saltadora Saleta Fernández e a lanzadora de xavelina Menchu Sánchez.
Esta proba centenaria estivo marcada pola excepcionalidade que rodea aos actos deportivos neste momento por mor da COVID-19.
Non resultaría esta celebración centenaria unha cita nada fácil. As medidas sanitarias e de seguridade marcadas, as distintas sedes, a altitude e un tempo moi caluroso engadiron moita dificultade a este importante evento. Da dureza do mesmo daría boa mostra o abandono por molestias da atleta internacional do Sociedad Gimnástica de Pontevedra Eva Arias que competía na proba 3.000 m. obstáculos.
Con todo elo, chegarían as boas novas ca primeira das medallas que estaría protagonizada pola galega Belén Toimil. A lanzadora galega Belén Toimil alzouse co título de campioa de España de peso no Absoluto de Atletismo. No círculo de peso a mundialista e plusmarquista acadaba o seu tan ansiado primeiro título nacional ao aire libre absoluto. Foi froito de efectuar un lanzamento de 16.21 m. Con el foi quen de imporse á campionísima Úrsula Rúiz por nove centímetros. Sen dúbida todo un premio a constancia e tenacidade da mugardesa.
A galega amosouse “moi contenta co meu primeiro ouro”. Dixo estar “feliz de conseguilo no Campionato de España nº 100”, e asegurou que vencer a “unha gran atleta” como Úrsula Rúiz era para ela “unha honra”
Na parte negativa dixo non estar tan contenta “coa marca” e que a técnica non lle saíu como quería que lle saíra.
Belén Toimil, atleta do Playas de Castellón: “Estou contenta co meu primeiro ouro e feliz de conseguilo no Campionato de España número cen. Co que non estou contenta é coa marca”
A deportista expliucou que durante o confinamento tivo que adestrarse na súa casa ao pecharse o CAR de León no que adestra habitualmente. “Non puiden entrenar o que tiña que adestrar. En canto puiden volver ao CAR volvín facer pesas e coller un estado de forma bo”, explicaba a lanzadora de peso.
https://twitter.com/atletismoRFEA/status/1304843245562867712
A lanzadora internacional Irene Gómez lograba acadar posto de finalista nun irregular concurso de martelo. Só conseguía facer dous lanzamentos válidos sendo o mellor deles o primeiro con 52.23 m.
Prata para saltadora galega Saleta Fernández
Sen tempo apenas para dixerir, a segunda medalla chegaba a cargo de Saleta Fernández do Valencia Club Atletismo. A saltadora de altura non puido reter na colchoneta o título do ano pasado. Cedeu o ouro con 1.85 m. ante a levantina Cristina Ferrando quen saltaba dous centímetros máis ca galega.
Destacadísima actuación da atleta venezolana con ficha galega polo club galego Sociedad Gimnástica de Pontevedra Joselyn Danyel Brea logrando o segundo lugar (sen dereito a podio) na final dos 5.000 m. cun rexistro de 16:12.54.
Mágoa para a saltadora do Barco Leticia Gil quen non puido reeditar o bronce do ano pasado ao perdelo no último salto por once centímetros logo de ir en posición de medalla todo o concurso.
Medalla de ouro para Antía Chamosa
Na última proba do sábado e como colofón a marchadora internacional Antía Chamosa, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, proclamábase campioa de España por vez primeira en pista nun absoluto de 10.000 marcha cun tempo oficial de 48:35.20 e que fan dela xa todo un referente da marcha nacional do noso país.
A atleta galega admitía que esta tempada foi “moi inusual e as fondistas notámolo bastante”. Explicou que tiña adestrado duro “a principio de tempada. Estou moi contenta. Quería facer un bo 10.000 para prepararme para dentro de dúas semanas para o sub-23 e estou moi feliz”.
Ao respecto da súa progresión manifestou: “Aínda son nova, sub-23, estou empezando no 20km. O meu obxectivo é conseguir mellor marca no 20 e ir evolucionando. En España hai moi bo nivel en marcha ogallá poida seguir os seus pasos”.
Antía Chamosa, ouro en marcha 10.000 m.: “Estou moi contenta. Quería facer un bo 10.000 para prepararme para dentro de dúas semanas para o sub-23 e estou moi feliz”
A deportista da SG de Pontevedra loubou o protocolo de protección diante da transmisión da COVID-19 imposto para esta competición por parte da RFEA: “As medidas sanitarias son moi necesarias e hai moi boa organización”.
🚶🏼♀️Antía Chamosa viene pisando fuerte
“Esta temporada ha sido muy inusual. Estoy muy contenta”
“Yo aún soy pequeña, estoy empezando en el 20km. Mi objetivo es conseguir mejor marca y a ver cómo voy evolucionando” #100CEatletismo pic.twitter.com/blPPsVXfDr
— atletismoRFEA (@atletismoRFEA) September 12, 2020
Cuarto lugar para o 4×100 da SG Pontevedra
Na especialidade de relevos, o equipo feminino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra formado por Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Claudia Torres e Xiana González, lograría un meritorio e salientable cuarto posto con 48.11.
En canto ao resto de participación, Belén García do ADAS nos 400 valos con 1:05.71 e a subcampioa paramundialista Adi Iglesias do LUCUS Caixa Rural Galega nos 100 m. con 12.41 e nos 200 m. con 24.93 quedarían apeadas da final.
Prata para Menchu Sánchez na xavelina
A asturiana de nacemento pero afincada en Galicia dende fai varios anos Menchu Sánchez lograba no seu último lanzamento no concurso de xavelina unha fabulosa medalla de prata con 45.24 m. Así logrou reeditar o mesmo metal do ano pasado e conseguido para Galicia o quinto e definitivo metal destos campionatos.
Nos valos curtos Lucía Ferrer da Sociedad Gimnástica de Pontevedra marcaba 15.22 sendo, por último, a internacional e campioa galega Uxía Pérez do Playas de Castellón, décima na proba dos 5.000 con 17:13.88.
Resultados masculinos no nacional de atletismo
Pola súa parte, os atletas masculinos acadarían unha medalla de ouro, outra de prata e 3 postos máis de finalista. A primeira das medallas que estaría protagonizada polo saltador olímpico Jean Marie Okutu quen lograba o subcampionato logo de ir en cabeza toda a proba e perder o título diante do asturiano Francisco Javier Cobián que saltaba no último intento a unha MMP con 7.79 m. privando ao marinense do que sería a seu sexto campionato.
A xornada do domingo comezaba para os nosos con Pedro Juncal competindo na final dos 400 m. onde ramataba oitavo con 48.39. Excelente papel tamén dos martelistas galegos cun Carlos Revuelta do Marathon ocupando un destacado 4º posto con 61.52 (MMT) e a dun novísimo e prometedor Yago Araujo do Celta quen lanzaba ata os 59.20 m. que lle daban un meritorio sexto lugar.
Non pasamos por alto o excelente comportamento no colectivo protagonizado por Mauro Triana quen formando parte do cuarteto de relevistas do Playas de Castellón, acadaría a medalla de ouro no relevo curto.