O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou hoxe no acto de entrega de premios ás e aos deportistas gañadores da sexta edición da Ocean Race ‘Cidade da Coruña’ de piragüismo, un torneo organizado pola Federación Galega de Piragüismo e o Concello.
A Ocean Race, que tivo lugar en horario de mañá, constou de dúas saídas. A primeira, ás 11.00 horas desde a praia de Riazor, para os participantes nas categorías senior, xuvenil e de veteranos, cun percorrido de dez quilómetros que bordeou a contorna da Torre de Hércules, Durmideiras, a enseada dos Pelamios, a contorna do peirao de San Diego e, finalmente, a praia de Oza.
Foi precisamente neste punto, xa ás 13.00 horas, onde comezou a segunda quenda, exclusiva para cadetes e participantes na categoría de paleo a pé, cun percorrido de cinco quilómetros, en formato de ida e volta á praia de Oza tras o paso por unha boia de sinalización máis aló do Dique de Abrigo.
A Sociedade Deportiva As Xubias abandeirou a representación herculina nesta Ocean Race, no que tamén tomaron parte deportistas doutros clubes da provincia coruñesa, como o Club Ría de Betanzos, Club Náutico de Miño, o Club Náutico de Cambre e o Club Piragüismo Rianxo.
Tamén participaron clubes da provincia de Pontevedra (Club Kayak Vigo, Club Náutico Ría de Pontevedra, Club Kayak Tudense, Club Piragüismo Vilagarcía, Club de Piragüismo Cambados, Club Piragüsimo Aldán, Club Náutico de Cobres) e Ourense (Club Fluvial O Barco). Ademais, entre os competidores estivo o Club Piraguas Villaviciosa, procedente de Asturias. En total, foron case un cento os deportistas que participaron nas probas.
Na entrega de premios, que tivo lugar na contorna da sede da Sociedade Deportiva As Xubias, o concelleiro Manuel Vázquez incidiu “na importancia de dar continuidade no tempo a eventos náuticos como a Ocean Race, que resaltan a aposta do Concello da Coruña pola celebración de probas deportivas que tamén contribúen á posta en valor da nosa fachada marítima”.