Á triatleta galega Saleta Castro gustaríalle ter sido noticia polos seus resultados no Campionato do Mundo pero a vida colocouna no foco da atención mediática por mor dun accidente de tráfico no que ela mesma di que volveu “nacer” e deuse conta de que “en cuestión de segundos as nosas vidas poderían ter mudado”
Saleta Castro regresaba de disputar o Campionato do Mundo xunto co tamén deportista Víctor Benages Simó. Ao parecer, a furgoneta na que viaxaban perdeu adherencia e fixo aquaplaning na autovía. O resultado foi que o vehículo rematou por impactar contra o quitamedos.
A propia Saleta Castro o relata así na súa conta de Facebook:
“Ao pouco de saír tivemos un accidente, a estrada estaba moi encharcada, chovía moitísimo e non sabemos se había algo na estrada ou é que picamos unha roda á vez que entrabamos nun charco de auga, o caso é que deslizamos bastantes metros pola autovía, coma se estuvieramos nunha pista de xeo. Afortunadamente a furgoneta foise estabilizando e freándose ata que chocamos contra a varanda . Saltaron os airbags e nese momento activouse o sistema de socorro de Mercedes Benz e xa tiñamos a unha persoa falándonos todo o tempo.
O sistema de emerxencias da propia furgoneta encargouse de todo, chamou á garda civil, guindastre e estivo connosco en todo momento. Organizáronnos a recollida do vehículo e o noso traslado a Valencia.
Gustoume que nunca tivese que contarvos isto e oxalá non pase nunca máis pero ao saír do coche démonos conta da sorte que tivemos de que isto nos pasou nun vehículo como este, estamos convencidos de que a furgoneta nos salvou.Agora máis conscientes da gravidade do accidente, somos máis afortunados aínda e damos grazas de que só foi o noso vehículo e sen ningún dano a outras persoas. Nós co susto no corpo pero estamos perfectamente”.