O taekwondo galego volve con metais baixo o brazo do Open de Polonia. O equipo irmandiño sumou unha prata, da man de Alma Pérez, así como dous bronces, de Miryam García e Arlet Ortiz.
Tamén acudiu ao campionato Tania Castiñeira, que nesta ocasión quedou fóra do podio. Quen tamén levou metal foi Iván García, ouro na súa categoría.
A primeira medalla feminina chegou grazas a Alma Pérez, do Suh Boiro, quen competiu nos -53kg. A galega participou en catro combates, superando con absoluta superioridade a a Sara Mouch dos Países Baixos, por un 30-4. A segunda loita foi contra Julia Ronken, de Alemañan, á que venceu por un 18-7.
O terceiro combate desta categoría de taekwondo enfrontou á galega coa húngara Luca Patakfalvy, coa que Alma Pérez perdera no Europeo sénior no mes de abril. Desta vez, a nosa deportista foi superior e venceu por 12-7. Por último, xa na final, a rival foi Laura Rodríguez, quen superou á nosa taekwondista por un 15-3.
No apartado dos bronces, Miryam García, do Patiño, acadou a terceira posición nos -62kg. A sá primeira proba do Open foi ante Julie Ramsey de Noruega, á que superou por máis de 20 puntos. No seguinte combate, enfrontouse a Csenge Patakfalvy, de Hungría, nunha loita moi axustada na que a galega venceu o pase ás semifinais. Finalmente, Bruna Vuletic, de Croacia, número 1 e campioa de Europa, foi quen de superar á nosa deportista despois dunha loita moi igualada, que tivo que decidirse no punto de ouro.
Por último, Arlet Ortiz, do Mat’s, tamén se colgou o bronce, pero nos -57kg. O primeiro combate deste Open de taekwondo caeu en mans da galega, quen foi superior á croata Lea Spehar por un 4-24. Na segunda proba, a rival foi a lituana Klaudija Tvaronaviciute, á que a nosa taekwondista foi quen de dominar para triunfar 11-3.
Xa na semifinal agardaba a estadounidense Faith Dillon, medallista euopea e que xa vencera a Arlet Ortiz no Open de taekwondo de Estonia. Desta vez, repetiuse o guion, deixando á galega co bronce tras un 14-24.