Facer deporte na rúa é unha practica habitual. Desde correr a facer ciclismo, pasando por empregar os parques biosaudables cos que contan cada vez máis concellos galegos. Na Coruña veñen de aumentar a dotación do que hai no peirao de Oza, a pé de mar. Ás estruturas xa existentes súmanse catro novas unidades destinadas ao exercicio co propio peso corporal a través da chamada calistenia.
O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, rematou esta fin de semana os traballos de ampliación do parque biosaudable situado nas proximidades da praia de Oza, un recinto ao aire libre orientado a potenciar a práctica deportiva na contorna.
Esta actuación está integrada nas intervencións de mantemento que leva a cabo o servizo de Infraestruturas nas áreas infantís e espazos lúdicos da cidade, periódicas no tocante á limpeza e reparación de estruturas de xogos e exercicio. Neste caso, ademais de subsanar deficiencias, o Concello da Coruña tamén executou a ampliación do circuíto de calistenia con catro novos aparellos de última xeración. Así, ás estruturas xa existentes, súmanse agora:
- Unha unidade de estiramentos, ideada para realizar exercicios de forza e estiramentos co peso corporal, apta para todos os niveis de dificultade
- Un pull-up que combina a estación de levantamento de pernas
- Unha barra de dominadas
- Unha roda de estiramento e torsión centrada na mobilidade, que mellora a amplitude de movementos da parte superior do corpo e o core
- Unha estrutura de barras paralelas, en liña e a baixa altura, adecuada para flexións e exercicios de equilibrio de dificultade avanzada.
A renovación das dotacións deportivas nos barrios da cidade da Coruña
A posta en marcha de novas zonas deportivas ao aire libre, así como a renovación de estruturas nas xa existentes, forma parte dos obxectivos fixados pola alcaldesa, Inés Rey, neste mandato.
Así, a ampliación do parque biosaudable de Oza dá continuidade a un plan continuo de intervencións do Concello nas dotacións deportivas repartidas polos barrios da cidade. A penúltima, a mediados de decembro do ano pasado no Ventorrillo, onde se puxo en marcha un novo parque de calistenia situado na rúa Alcalde Jaime Hervada, con tres áreas de exercicio ben diferenciadas para potenciar a práctica deportiva na contorna.