A Coruña acolle esta fin de semana unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, que forma parte da Liga Galega de Traiñeiras.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de presentar a competición sinalando a “aposta polo deporte de alto nivel” do Concello da Coruña xa que, “no que vai de verán a cidade acolleu numerosas competicións nacionais e internacionais”.
Esta fin de semana volve un dos clásicos das Festas de María Pita. Este sábado e domingo celebrarase a edición número 37 do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras. Os mellores equipos de Galicia estarán esta fin de semana na cidade herculina para competir na enseada do Orzán. Participarán o sábado 25 traiñeiras e o domingo, nas finais, 15 embarcacións.
O sábado, a competición comezará ás 17.30 horas coa clasificación feminina. A primeira quenda da masculina está prevista para as 18.30 horas.
Por outra banda, o domingo disputaranse as finais a partir das 11.30 horas, cando está previsto o inicio da última rolda feminina. A final masculina, en dúas quendas, comezará ás 12.00 horas.
|
| Ñ
| Ñ
https://t.co/FHqG7jETf4 pic.twitter.com/Pj65VoXLk4— LigaLGT (@Ligalgt) August 17, 2023
O Teresa Herrera de traiñeiras celébrase desde o 1986
Trátase do VII Trofeo Teresa Herrera e IV Bandeira Absoluta feminina e da XXXVII Trofeo Teresa Herrera e XV Bandeira Absoluta masculina. A competición forma parte da Liga Galega de Traiñeiras e celébrase na cidade desde o ano 1986.
“A Coruña ten unha ampla tradición en traiñeiras, un deporte que sempre deixa imaxes espectaculares e que reúne cada ano a miles de persoas no noso paseo marítimo”, sinalou o concelleiro de deportes da Coruña, Manuel Vázquez.