Yael Castiglione retírase do voleibol. A exitosa colocadora arxentina xa non pisará as pistas como xogadora e deixa o deporte vestindo a camiseta do CV Arenal Emevé.
A bonaerense anunciou a súa retirada tras o choque das loitadoras ante o Cajasol, momento no que, emocionada sinalou que “veño acumulando un orgullo moi grande desde a Copa da Raíña tanto a nivel individual como colectivo. Por suposto queda o sabor amargo de non clasificarnos para os play- off, creo que tiñamos todo para poder facelo, pero creo que é parte da aprendizaxe para o equipo. Así que contenta en xeral”.
O Emevé despídese da tempada e de Castiglione cunha derrota no ‘tie-break’
A carreira de Castiglione
Máis de 14 equipos gozaron coas habilidades dunha xogadora que foi emblema da selección arxentina, coa que disputou os Xogos Olímpicos de Río 2016. Comezou a súa traxectoria na elite no seu país natal nas filas de Boca Juniors, club polo que pasou en dúas etapas, e disputou algúns dos campionatos máis prestixiosos do mundo como a Superliga de Brasil (Maranhão Vôlei e Rio do Sul) ou a ou a TAURON Liga Polaca (BKS Aluprof Bielsko- Biała e Tauron Dą browa Górnicza).
A deportista suramericana converteuse nun exemplo mundial da conciliación no deporte de elite tras regresar ás pistas despois da súa maternidade. Dúas tempadas en Brasil ( Valinhos e EC Pinheiros) precederon ao curso co Arenal Emevé no que baixou o pano de forma definitiva.
O desafío lucense
Castiglione define a súa experiencia en Lugo como “unha montaña rusa. Foi todo un desafío para o meu vir tentar colaborar co crecemento do grupo, algo que non é nada sinxelo e a verdade é que desde o primeiro día fomos súper ben recibidos. Atopeime cun corpo técnico e uns dirixentes incribles a nivel humano e profesional, ademais dun grupo de nenas con moito por medrar que espero que despois desta tempada queden con ganas de máis”.
Castiglione: “Atopeime cun corpo técnico e uns dirixentes incribles a nivel humano e profesional, ademais dun grupo de nenas con moito por medrar”
A terceira etapa da xogadora en España (C.E. Camp Escolar Lleida, CV Millenium A Coruña e Arenal Emevé) tivo como punto álxido un dos grandes fitos na historia do club lucense: o subcampeonato da Copa da Raíña no que as Loitadoras exerceron de anfitrioas.
A carreira de Castiglione conta con títulos a nivel de clubs como a liga e a Copa austriacas, a Copa romanesa ou o subcampeonato na MEVZA (Liga de Europa Central). Con Arxentina foi dúas veces subcampioa do Campionato de Sudamérica e tres veces medalla de bronce na Copa Panamericana. Foi, ademais, designada como mellor colocadora do clasificatorio para Río 2016 e da Copa Panamericana 2013.
De entre os seus logros, a xogadora destaca “sen ningunha dúbida a clasificación aos Xogos Olímpicos. Foi o máximo en todos os sentidos: a nivel emocional, psíquico e competitivo. Ese é o momento cume da miña carreira, pero debo dicir tamén que para min a Copa da Raíña foi un torneo incrible que vivín desde un lugar que non experimentara antes, moi tranquila, con ganas de vibrar dentro da cancha e con expectativas positivas que ao final se traduciron no resultado final. Foi un torneo no que me divertín moito, gocei como non gozara na miña carreira”.
Castiglione: “(A Copa) foi un torneo no que me divertín moito, gocei como non gozara na miña carreira”
Tras o seu adeus ás canchas, Yael márcase como obxectivo “integrarme na axencia MSports, xunto ao meu marido, que leva anos representando a moitísimos atletas. Non serei a cara visible, pero vou estar aí axudando en recrutamento de xogadores. Estou con moitas ganas de seguir achegando noutro lugar”.
O Municipal, que gozou da elegancia dun dos emblemas das Panteras, na súa última tempada, despediu a Castiglione cunha pechada ovación ao finalizar o partido.