Adestramentos, ponencias, charlas sobre nutrición deportiva e tamén sobre psicoloxía deportiva e todo protagonizado por mulleres do deporte, máis en concreto do ciclismo galego. Ese é o menú das Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas que organiza a Federación Ciclismo Galego. Haberá tempo para falar de ciclismo de Estrada, Ciclocrós, XCO, Enduro e Descenso… a cita ten presentes unha chea de disciplinas sobre dúas rodas.
O ciclismo feminino ten unha cita ineludible o 2 e o 3 de setembro en Marín. Un total de 70 corredoras infantís, cadetes, juniors e sub23 están convocadas para asistir á ‘Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas’. Serán dous días de convivencia, adestramentos, formación e reflexión.
A Federación Ciclismo Galego dá un novo paso na súa aposta polo pelotón feminino e por primeira vez organiza o que quere que sexa ‘o gran cumio’ sobre a muller e a bicicleta. Esta actividade, gratuíta para todas as participantes, xorde co dobre obxectivo de aumentar os coñecementos teórico-prácticos e formar vínculos entre as mulleres. As ‘Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas’ diríxese a corredoras de todas as categorías de base e de varias modalidades e especialidades: Estrada, Ciclocrós, XCO, Enduro e Descenso.
#Deporte 🚲🚲 Cerca de 70 mulleres ciclistas daranse cita na nosa vila coa celebración da I Xornada de Tecnificación Mulleres Ciclistas, que convocará a carreteiras, ciclocrosistas, beteteiras, endureiras e descenders o 2 e 3 de setembro no colexio do San Narciso. pic.twitter.com/t3CJqx0SHn
— Concello de Marín (@ConcellodeMarin) August 30, 2022
O programa desta cita pensada para mulleres ciclistas galegas abrirase o venres ás 15:30 horas coa recepción no Colexio San Narciso no Concello de Marín, centro neurálxico desta convivencia, onde se aloxarán as ciclistas e se celebrarán as charlas técnicas.
Ciclistas como Eva Castro, Irene Trabazo ou Lucía González, entre as ponentes
A primeira xornada consistirá nun coloquio que contará cun cartel de luxo. Lucía González, campioa de España de Ciclocrós; Alicia González, corredora do Movistar Team; Eva Castro, campioa de España de Descenso e Four Cross; e a ciclista Irene Trabazo, campioa autonómica de ciclocrós, contarán as súas experiencias como ciclistas de nivel internacional nunha charla moderada por Terio Carrera, presentador da Televisión de Galicia.
O sábado pola mañá chegará a quenda do adestramentos, con prácticas específicas para cada modalidade. Haberá saídas polo monte para as corredoras de XCO, Enduro e DH, mentres que sobre o asfalto rodarán as ciclistas de Estrada. Á fronte destas sesións estarán Eva Castro e Irene Trabazo.
Pola tarde, despois de compartir xantar, as participantes asistirán a unha dobre actividade formativa. A nutricionista Lucía Vázquez, campioa de España de XCO e Ciclocrós, ofrecerá unha charla ás 17:00 e, a continuación, a psicóloga Blanca Izquierdo exercerá de poñente nunha segunda conferencia. O peche das xornadas está previsto para as 19:30 horas.
#Formación | Chega a gran xuntanza do ciclismo feminino: Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas
🚵♀️🚴♀️ A FCG organiza en Marín unha convivencia con adestramentos, charlas e un coloquio con campioas de varias modalidades
Máis info 🔗https://t.co/jXyqN48VbR#NON pic.twitter.com/P7tnD0JBKL
— F_Galega de Ciclismo (@F_Gal_Ciclismo) August 26, 2022