O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, supervisou acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e da man da alcaldesa, Verónica Pichel, o estado final do proxecto de iluminación do estadio de fútbol municipal ‘As Maleitas’ ao abeiro do convenio de colaboración asinado co Concello de Forcarei por importe de máis de 85.189,88 euros.
O campo de fútbol ‘As Maleitas’ dispón dun terreo de xogo en proceso de mellora e instalación de céspede artificial, nas proximidades do IES Chano Piñeiro. Nas súas proximidades atópanse ademais o pavillón e ximnasio municipal así como a piscina. Dispón nas súas instalacións ademais do campo, dun vestiario, grada e zona de servizos de apoio os usuarios e espectadores.
Esta actuación levada a cabo polas administracións autonómica e municipal vén a resolver as deficientes condicións de iluminación para a práctica deportiva habitual en axeitadas condicións de seguridade e calidade no eido deportivo.
Un cento de licencias de fútbol base e femininas nas Escolas Terra de Montes
O secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, destacou a importancia da “nova iluminación, máis axeitada e coa mellora tamén no eido da eficiencia enerxética”. Trátase da colocación de catro soportes de 18 metros de altura e instalación de proxectores con tecnoloxía LED plenamente operativos que “mellorarán notablemente a práctica do fútbol no estadio municipal no que disputa os seus partidos a Escola de Fútbol Base Terra de Montes que conta con máis dun medio centenar de licenzas base e femininas”.
Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.