A Selección de Galicia disputa esta fin de semana o Campionato de España de XCO. Tres mulleres e sete homes conforma a expedición galega de ciclistas que acudirán a Valladolid a esta proba de Cross Country Olímpico, unha disciplina de BTT.
A pandemia da Covid-19 obrigou a adiar os Campionatos de España de XCO fixados inicialmente para o mes de xullo. A cita vaise celebrar esta fin de semana. A Selección de Galicia acudirá con dez ciclistas. Despois de acadar dúas medallas o pasado domingo nos estatais de Enduro, o combinado autonómico de BTT buscará máis podios en Valladolid.
O programa de competición para os especialistas no Cross Country Olímpico arrancará o sábado no circuíto pucelano do Cerro de las Contiendas, según informa a Federación Galega de Ciclismo.
Pola mañá terán lugar as probas máster e ao mediodía (14:15 horas) entrarán en acción os sub23 masculinos con Iván Feijoo (Nesta) lucindo as cores de Galicia. De poñer o peche a esta primeira xornada encargaranse os juniors, a partir das 15:50, unha carreira na que a Selección presentará un tridente formado por Gabriel Conde (Avanza), Anxo Carril (Coruxo) e Miguel Rodríguez (Ponteareas).
O domingo está reservado para os dous pratos fortes do campionato. Tres galegas, a elite Lara Lois (Extol) e as sub23 Irene Trabazo (XSM) e Andrea García (Maceda), defenderán os intereses do combinado autonómico dende as 10:30 na competición feminina.
Ás 12:15 poranse en marcha os elites masculinos con Saúl López (Maceda), Alberto Pedreira (Bici Verde) e Jorge Punzón (Cosmos) como integrantes do trío de Galicia. Nesta categoría un dos candidatos á vitoria é o ourensán Pablo Rodríguez (BH Templo).
Bos resultados o ano pasado en XCO
O ano pasado a Selección Galega fíxose con tres metais nos estatais de XCO. Un dos dous ouros que conseguiu chegara no Team Relay, a carreira de remudas por equipos que nesta ocasión non se disputará, ao igual que a especialidade do Eliminator.
O circuíto vallisoletano, escenario habitual de probas do Open de España, ten unha lonxitude de 5,2 quilómetros, un trazado que se caracteriza pola súa rapidez e espectacularidade. Todo o campionato poderá seguirse en directo a través de LaLigaSportsTV.
Un circuíto rápido de 5,2 quilómetros
O circuíto de 5,2 quilómetros do Cerro das Contendas, que xa acolleu en varias ocasións o Open de España de BTT XCO, será o campo de batalla sobre o que se porán en xogo os títulos de Campión de España 2020 de XCO para as categorías elite, sub23, junior e Máster, tal e como recolle na súa información a RFEC.
Valladolid acollerá unha fin de semana espectacular, de puro BTT, que se poderá seguir en redes sociais mediante o cancelo #CEXCOValladolid20.

__________________________________________
INFORMACIÓN DE INTERESE
– LIGAZÓNS ÁS TRANSMISIÓNS EN STREAMINGS DESTA COMPETICIÓN EN LALIGASPORTSTV: