A Liga Guerreras Iberdrola chega á súa duodécima xornada despois da interrupción provocada polo Campionato do Mundo 2025, que se disputou en Alemaña e Países Baixos.
Os equipos galegos, Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Zendal BM Porriño, logran dúas importantes vitorias e afrontan este tramo da tempada situados no 2º e 5º posto da clasificación respectivamente.
O Guardés a un paso do liderado
O Mecalia Atlético Guardés, actualmente segundo na táboa clasificatoria, suma 21 puntos despois de disputar os seus 12 primeiros partidos da tempada. A só 2 puntos do líder, o Super Amara Bera Bera, que acumula 23 punto. O quipo galego mantense como unha das grandes sensacións desta Liga Guerreras Iberdrola.
Cada encontro disputado é de suma importancia para o conxunto de guardés, que continúa loitando por achegarse á cabeza da competición e manter viva a súa opción de acadar o liderado e, en consecuencia, o título ligueiro. Nesta ocasión foi contra o Elda Prestigio, nun encontro que as galegas foron superiores.
María Palomo foi a referencia ofensiva con 6 goles, aínda que Amandine Balzinc resultou determinante no triunfo coas súas 19 paradas.

Segundo recolle a crónica do club, as xogadoras adestradas por Ana Seabra volveron do parón pisando forte este mércores en Elda, onde dominaron todo o encontro a un anfitrión desarmado, aínda que con certa capacidade de resposta. O equipo miñoto mantivo unha renda duns cinco goles durante a maior parte do partido, pero a vitoria chegou a peligrar nos minutos finais debido a unha recuperación progresiva das de Prades.
Sen embargo, non foi suficiente, e a férrea defensa dunha Amandine Balzinc, que acumulou 19 paradas, acabou por dar o noveno triunfo da temporada ás súas. No ataque, María Palomo liderou con seis goles, e África Sempere estreouse con dous no seu esperado regreso ás pistas.

O encontro inaugurouse cunha contundente defensa por ambas partes, motivo polo que o primeiro gol atrasouse ata pasado o terceiro minuto desde o comezo. Chegou da man de Lorena Téllez para culminar unha xogada gardesa moito máis engrasada que as anteriores, e que deixaba entrever que as de Ana Seabra parecían capaces de coller desprevido a un Elda ata entón forte. Ania Ramos e Blazka Hauptman fixeron o propio nas seguintes ocasións posibles, e o Guardés pechou o primeiro parcial liderando xa de maneira perigosa (0-3, min. 5). Prades chamou ao tempo morto para tratar de frear o aluvión galego que xa estaba a intuir.

Pero pasaban os minutos e as súas seguían sen marcar. O único tanto local chegou da man de Rafaela Gonçalves desde os sete metros, mentres que o Mecalia non parecía ter freos. Aínda que o ritmo do encontro aumentou e as alicantinas comezaron a responder, a renda galega xa alcanzara un rango difícil de igualar, e mantíñase cando chegou o ecuador desta primeira parte (4-7, min. 15).

Varias paradas seguidas de Virginia Fernández comezaban a salvar os mobles das anfitrioas e a lograr frear o crecemento gardés. E aínda que o ataque a 7 despregado por José Ignacio Prades non lograba grandes efectos a nivel ofensivo (debido tamén, en parte, á férrea defensa de Balzinc) si permitiu ás súas entrar por fin no partido e comezar a complicar as cousas ás de Seabra. Aínda que o marcador non sufría grandes cambios, as locais non permitían aínda ao Guardés afastarse demasiado (6-9, min. 20).

Pero o despegue produciuse, precisamente, nos instantes seguintes. Dúas paradas cruciais de Amandine Balzinc, xunto cun gol das súas propias mans a porta baleira, foron os causantes máis destacados do seguinte parcial, un 0-3 que deixaba ás galegas cunha renda case impracticable de cara á segunda metade (6-12, min. 25).

Só un penalti de Malena Valles deu ás anfitrioas ocasión de contestar, xunto cun segundo gol desesperado das súas mans nos segundos antes do descanso (8-12, min. 29), culminando a preparación da xogada para a que o adestrador eldense pedira parar o crono xusto antes. E iso a pesar das seis paradas de Fernández baixo paus locais, que impediron con méritos que a catástrofe fora aínda maior.

A segunda metade continuou no mesmo ton, con gran parte do partido xogándose nas portas e nas barreiras defensivas. O Elda atacou pronto e conseguiu reducir a renda, grazas tamén aos sete metros, aínda que xogadoras como María Palomo e Lorena Téllez seguían atopando con relativa facilidade os buratos na súa defensa (10-14, min. 35). A mesma pivote encadeou dous roubos cos que logrou escaparse e coller desprevenida a Virginia Fernández, devolvendo a renda á dinámica dos compases anteriores ao descanso (10-16, min. 38).
Prades volveu chamar entón ao tempo morto e pareceu ter resultado, pois a continuación as súas deron importantes sinais de vida por momentos. O Mecalia Atlético Guardés bloqueouse un pouco e encaixou un parcial 0-2 que provocou que fose, desta vez, Ana Seabra quen solicitase falar coas súas xogadoras (12-16, min. 41).

Pero poucas sorpresas albergaría xa o encontro. A situación mantívose estable ata o final, cunha renda entre cinco e catro goles a favor das guardesas, que dominaban o xogo con facilidade. As xogadoras adestradas pola técnica lusa Ana Seabra brillaban no ataque ante un Elda desarmado, aínda que conseguía atopar certas ocasións para responder.
Máis aló da desigualdade, o máis destacado foi a auténtica exhibición (e enésima nesta tempada) que a porteira Amandine Balzinc estaba a ofrecer, pois chegou a acumular ata 19 paradas ao longo de todo o encontro. Tamén foi para lembrar o regreso de África Sempere ás pistas, quen pisou forte cun gol no minuto 49 que seguía defendendo a vantaxe das súas (15-19).

Para os minutos finais, con todo, as cousas ameazaron con torcerse para o Guardés. O equipo anfitrión atopara a maneira de encadear varios tantos consecutivos que reducían a renda ata tres goles (18-21, min. 57), que de súpeto se tornaban factibles.
O adestrador do Elda solicitou por última vez parar o crono para planificar acadar polo menos un punto, e as de Ana Seabra defendéronse como puideron. Pero, como demostraron nos 53 minutos previos, podían con todo, principalmente grazas a unha gran atención á defensa que só deixou pasar un dos últimos lanzamentos, e da man dunha Sempere que non fallou o valioso gol final, que consolidaba a décimo novena vitoria miñota da tempada (19-22, final).

FICHA TÉCNICA:
ELDA PRESTIGIO (8+11): Elena Cuadrado, Lucía García (1), Maddi Bengoetxea (1), Malena Valles (6), Paula Lluch (2), Rafaela Gonçalves (2), Meriem Ezbida (p.) [sete inicial], Lora Sarandeva (2), Virginia Fernández (p.), Sol Azcune, Luna Villaescusa, Emiliana Potrie (2), Julia Terrado (1), María Rodríguez (1), Claudia Martínez e Marina González (1).
MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (12+10): Amandine Balzinc (p.), Jazmín Mendoza (1), Lorena Téllez (3), Elena Martínez (3), Ania Ramos (2), Blazka Hauptman (2), María Palomo (6) [sete inicial], Ariana Portillo, Sabina Mínguez (p.), Rosane Serrano, África Sempere (2), Carme Castro (1), María Sancha (3) e Cecilia Cacheda (1).
MARCADOR CADA 5 MINUTOS: 0-2, 1-5, 3-7, 6-9, 6-11, 8-12, 10-14, 11-16, 13-18, 15-19, 17-21, 19-22.
EQUIPO ARBITRAL: Miguel Martín e Jesús Álvarez. Amonestaron con tarxeta amarela á visitante Blazka Hauptman e excluíron con dous minutos á local Maddi Bengoetxea e á visitante Elena Martínez.
INCIDENCIAS: Partido da duodécima xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón Ciudad de Elda Florentino Ibáñez.
Vitoria do Porriño en Granollers
O BM Porriño estreouse á volta do parón internacional onte, logrando un importante triunfo fronte ao KH-7 BM Granollers por 21-27.
Ver esta publicación en Instagram
Boas novas para o conxunto galego, que ocupa o 4º posto e encadea tres vitorias consecutivas, mantendo viva a súa loita por acadar un lugar no podio da clasificación. As xogadoras de Porriño suman 16 puntos en liga, os mesmos que o Rocasa Gran Canaria, actualmente terceiro clasificado.
O seu próximo rival será o Grafometal Sporting La Rioja, un equipo de media táboa que pode resultar complicado se o conxunto galego non salta á pista con ansia de triunfo e decidido a pelexar por escalar posicións e consagrarse como un dos favoritos da competición.
O encontro disputarase no Pavillón Municipal de Porriño, ás 18:15 h, o vindeiro sábado 20 de decembro.





















